A concelleira Mónica Viqueira explica que este traballo faise man a man con voluntarias e co persoal da Deputación. Xa foron facilitados tamén 150 quilos de penso.
O coidado e o seguemento dos gatos de rúa no Concello de Marín, cumprindo desta forma coa Lei de Benestar Animal, ten un moi bo balance do 2025: nos últimos meses, esterilizáronse, vacináronse e chipeáronse a nome do Concello 60 gatos e gatas.
A concelleira Mónica Viqueira explicou esta mañá que esta aplicación do Plan CES “é un compromiso que temos desde o Concello e nos permite controlar a poboación de gatos, mantendo as colonias estables e coidadas”.
Estas colonias identificadas espállanse por distintos puntos do municipio, prestándoselle especial atención á de Méndez Núñez – Fondo do Saco, “onde apenas nos quedan 3 gatos machos por castrar”.
A maiores, estase actuando nas do Forte, dúas no Cemiterio, Fonte do Este, Fonte do Leste, San Xián, Coirados, Inferniño, Cividanes – A Dichosa, A Laxe, Outeiro, nas hortas urbanas do Sequelo e en Fontán.
Aínda que antes xa se viña actuando, como por exemplo na Cañota, o proceso de esterilización acelerouse grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, que empezou en outubro, e que facilita as gaiolas necesarias para a captura dos gatiños para levalos a CAAN para castralos e despois devolvelos á súa colonia.
“Todo isto sería imposible sen a axuda das persoas voluntarias que participan nas capturas, pero que tamén se están a encargar da alimentación controlada e ordenada das colonias”, explica a concelleira, que informa de que se realizou a primeira entrega de 150 quilos de penso.
O obxectivo é continuar co control das colonias, formalizalas, tratar de evitar aumentos de poboación con novas camadas e garantir a seguridade e a salubridade dos gatos.



