HomePontevedraBaixo MiñoMáis de 75 maiores de Tomiño cultivan corpo e mente nunha nova...

Máis de 75 maiores de Tomiño cultivan corpo e mente nunha nova edición do Reactívate

- Anuncio -spot_img

Concello e AFAGA renovan o seu compromiso co envellecemento activo para continuar con este programa que combina exercicio físico, estimulación cognitiva e lecer para mellorar a calidade de vida

A vitalidade non entende de idades en Tomiño. Máis de 76 persoas maiores de 55 anos participan nunha nova edición de Reactívate, un programa municipal de envellecemento activo posto en marcha polo Concello dentro da axenda Impacto Saudable que combina actividade física, exercicios de estimulación cognitiva e actividades de lecer para mellorar a súa calidade de vida.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), Juan Carlos Rodríguez, asinaron un novo convenio de colaboración para renovar o seu compromiso con este proxecto que medra cada ano e que achega moitos beneficios na saúde física e emocional de todas e todos os participantes.

A través de dúas sesións semanais, esta iniciativa combina actividade física, exercicios de estimulación cognitiva e actividades de lecer, fomentando o benestar integral das persoas maiores e creando espazos de convivencia, apoio mutuo e participación social. Este ano, o programa volveu expandirse máis aló do centro urbano e ademais de atender a 76 persoas en Tomiño tamén hai outros 15 participantes en Barrantes, 15 en Sobrada e 15 en Tebra, ademais de contar con lista de agarda.

A alcaldesa de Tomiño destacou que dende o Concello “traballamos para que a saúde e o benestar sexan unha prioridade en todas as etapas da vida. Reactívate é moito máis que un programa para fortalecer corpo e mente, é un lugar no que crear comunidade e garantir que as nosas persoas maiores teñan espazos activos, participativos e próximos con actividades que lles resultan interesantes, atractivas e útiles, favorecendo que saian da casa, estean en contacto con outras persoas e se manteñan activas e activos”.

Pola súa banda, o presidente de AFAGA subliñou que “esta colaboración con Tomiño é un exemplo de como os concellos poden apostar pola prevención e o benestar das persoas maiores. Con programas como Reactívate conseguimos mellorar a calidade de vida, fortalecer a memoria e favorecer as relacións sociais, que son fundamentais para un envellecemento saudable”.

Publicacións Relacionadas