HomeVigoMosMando nota corrixida, perdoade as molestias

Mando nota corrixida, perdoade as molestias

- Anuncio -spot_img

O párroco Eloy Perales presenta no Pazo de Mos o seu primeiro libro de poemas, “Hotel”

A alcaldesa Nidia Arévalo felicitouno pola súa valentía e sensibilidade no acto celebrado no Pazo de Mos

O Pazo de Mos acolleu este xoves a presentación do libro “Hotel”, primeira obra do párroco Eloy Perales Rodal, actual párroco de Tameiga, Dornelas, Guizán e Louredo. O acto contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen felicitou ao autor “pola súa valentía e sensibilidade ao compartir con todos nós unha poesía que nace da experiencia, da reflexión e da vida cotiá”.

Eloy Perales, natural de Cangas do Morrazo (1979), cursou estudos de Filosofía e Teoloxía no Instituto Teolóxico San José de Vigo e é licenciado en Estudos Eclesiásticos pola Universidade Pontificia de Salamanca. Ordenado sacerdote en 2011, leva 14 anos exercendo o seu ministerio, dez deles no arciprestado de Tea-Condado e os últimos catro na Louriña. Ademais, é capelán do Vigo Memorial e do Doral Residencia.

O libro Hotel recolle poemas escritos ao longo de máis de vinte anos, nos que o autor reflexiona sobre o presente e o pasado, ofrecendo ao lector unha mirada poética e comprometida coa realidade humana. “É un libro que fala da vida, das emocións e das inquedanzas, un lugar de paso onde a palabra se converte en acollida”, explicou o propio Perales durante a presentación.

A alcaldesa destacou o orgullo que supón para Mos contar cun sacerdote tan implicado na vida parroquial e comunitaria, e subliñou que “esta publicación é tamén unha mostra de que a cultura e a espiritualidade poden ir da man para enriquecer a nosa sociedade”.

O acto contou coa participación de veciños, representantes das parroquias e membros da comunidade cultural mosense, que quixeron acompañar a Eloy Perales no inicio desta nova etapa literaria.

Publicacións Relacionadas