HomeO MorrazoMarínManel Loureiro e Leilía participarán na primeira edición de ‘Marín Vila do...

Manel Loureiro e Leilía participarán na primeira edición de ‘Marín Vila do Libro’

- Anuncio -spot_img

O festival literario presenta o programa completo con obradoiros, recitais, encontros con autores e autoras, contacontos e música

O Concello de Marín xa ten todo preparado para converterse nunha gran libraría na primeira edición de ‘Marín Vila do Libro’. O festival literario, que terá lugar entre o 16 e o 18 de maio, conxugará literatura, obradoiros relaciones cos oficios tradicionais do libro artesanía, música, poesía e diálogo entre autores co fin de converterse nun referente cultural na fin de semana das Letras Galegas.

A programación foi presentada esta mañá na Biblioteca Pública Vidal Pazos por parte da alcaldesa, María Ramallo, e o director do festival, Enric Bono. A Alameda, a Igrexa Vella e a Rúa Real acollerán a programación deste evento literario, que promoverá a lectura, a creación literaria, a reflexión crítica e o intercambio de coñecemento.

Unha programación diversa e participativa que contará con grupos de música referentes de Galicia como Leilía ou o grupo Gallos del Norte, e que organiza encontros con escritores como Manel Loureiro, Elena Gallego ou Francisco Castro, entre outros.

O proxecto ‘Vila do Libro’, que se celebrou en Galicia por primeira vez en Pontedeume o ano pasado, chega agora a Marín co fin de converter o espazo público nun punto de encontro arredor dos libros. Con actividades que van dende obradoiros para nenas e nenos ata mesas de debate con autores recoñecidos, a vila aspira a consolidarse como un referente cultural da comarca e un polo de dinamización cultural e económica.

Tres días de programa[ED1] 

O evento arrinca pola mañá do venres 16 de maio co recital colectivo “Versos que florecen”, que encherá a Alameda de poesía e voces novas. Pola tarde, ás 18.00 horas, o grupo Gallos del Norte ofrecerá un concerto e obradoiro de freestyle, unha proposta que mestura música urbana e improvisación para achegar a literatura oral ás novas xeracións.

Ás 19.30 h terá lugar a inauguración oficial, e media hora máis tarde celebrarase o primeiro dos encontros da serie, ‘Os libros da miña vida’, unha conversa entre o escritor de éxito Manel Loureiro e o xornalista Ramón Mella, onde compartirán lecturas vitais e experiencias persoais coa literatura.

O sábado 17 de maio comezará cunha dobre proposta ás 12.00 horas cun acto de homenaxe ao tradutor Josep Maria Llompart, con Pilar Arnau e Sebastià Bennasar, e un contacontos infantil con Juan Baquero no espazo da Alameda. Á mesma hora, na Rúa Real, os asistentes poderán participar no obradoiro ‘Fagamos papel!’, para aprender a fabricar papel artesanal con Sastres Paperers, colectivo especializado na recuperación de técnicas tradicionais.

Durante todo o día haberá obradoiros de encadernación, recitais poéticos, mesas literarias e concertos. Entre os nomes destacados figuran Fran Fernández, Tamara Andrés, Silvia Penas e Ismael Ramos. O sábado ás 13.00 horas na Igrexa Vella terá lugar o acto oficial do Día das Letras Galegas, coa entrega do XVIII Premio de Narración Curta do Concello de Marín. E, posteriormente, ás 13.40 horas, na Alameda poderemos gozar dunha actuación das Pandeireteiras As Chaneiras.

Pola noite, a Igrexa Vella acollerá unha conversa especial sobre o legado de Vázquez Montalbán e a súa relación con Galicia e Cataluña, mentres que a Alameda vibrará coas voces tradicionais das cantareiras e o recital poético. O día pechará coa actuación da Coral do Centro Sociocomunitario, nunha homenaxe coral ao poder da voz colectiva.

O domingo, desde ás 11.00 horas, a Rúa Real será escenario da Feira do libro usado “Unha dorna de libros, un mar de ilusión”, da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber, unha proposta aberta que convida á cidadanía a compartir coñecementos, libros, xogos e experiencias de aprendizaxe en comunidade. Paralelamente, desenvolveranse contacontos, como ‘O nobelo de Nenuca’ con Irene Alonso Gasalla, un obradoiro de novela criminal con Elena Gallego Abad, que tamén participará nunha mesa redonda sobre este xénero con Irene Rega e Tensi Gesteira, e encontros arredor da ciencia ficción, a narrativa de xénero e a poesía contemporánea.

A programación inclúe tamén unha conversa entre David Gago e Juan Parcero, titulada ‘Ciencia ficción: a tracción irresistible’, un recital poético con micro aberto, o ciclo ‘Os libros da miña vida’ con Francisco Castro, e concertos como o de Fentos e Frouma, o Concerto de Primavera na Granja de Briz coa banda municipal e o grupo Trompos Os Pés, e o espectáculo final ‘Axúdame a cantar’, un emotivo tributo ás pandeireteiras galegas protagonizado por Felisa Segade e Montse Rivera, fundadoras do emblemático grupo Leilía.

Un evento cultural con poder transformador

“Marín, Vila do Libro” é máis ca un evento cultural: é unha celebración do libro como ferramenta de transformación social, da lectura como acto compartido e celebración da palabra. Durante tres días, a vila será unha praza pública de ideas, historias e creación colectiva, promovendo o acceso á cultura de forma aberta, gratuíta e inclusiva. O festival literario, que celebra a súa primeira edición en Marín coincidindo coa celebración das Letras Galegas, ten a capacidade de cohesionar a cultura co entramado social e económico deste territorio, impulsando asemade o turismo literario e poñendo en valor os recursos da cultura e a lingua galega.

Baixo o lema ‘Palabras que salvan futuros e removen presentes’, ‘Vila do Libro’ é un proxecto de dinamización cultural e promoción turística de calidade, no que se promociona a lectura, a comprensión lectora como chave para compartir ideas e estimular a imaxinación e no que se pon en valor a capacidade dos libros para impulsar cambios e favorecer a creación de novas ideas, así como os oficios do libro como colectivo profesional e artesanal.

‘Marín Vila do Libro’ está organizado por Concello de Marín e Vila do Libro, coa colaboración de Ence Plan Social, Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Escritores (AGER), e co apoio de Vitalibris e Cecubo Group.

Toda a programación, así como a inscrición previa para obradoiros con prazas limitadas, está dispoñible na web oficial, www.viladolibro.gal/marin


Publicacións Relacionadas