Manuel Villanueva será o pregoeiro das Festas do Carme deste ano, que prometen ser unha cita imperdible deste verán, do que se irá anunciado a programación completa ao longo dos próximos días.
A alcaldesa, María Ramallo, en compañía dos concelleiros Manuel Santos, Marián Sanmartín e Itziar Álvarez, avanzaron esta mañá o nome da persoa que se encargará de abrir as festas máis importantes da época estival marinense, así como o cartel relativo a estas datas, confeccionado polo artista Francisco Orjales.
Aínda que nas próximas xornadas irase desvelando a programación festiva completa, a alcaldesa adiantou que o pregón será o 9 de xullo na Alameda. O noso veciño marinense é director xeral de Contidos de Telecinco e a súa traxectoria profesional no sector audiovisual prolóngase xa por máis de tres décadas.
Con gran experiencia no ámbito televisivo, foi colaborador de diferentes medios de comunicación en prensa, así como locutor e presentador de radio, ata que a través da TVG deu o salto á televisión, onde exerceu como adxunto ao director de Programas até o 1989. Ese mesmo ano, foi nomeado director de Programas e Emisións.
No inicio da década dos 90, decidiu trasladarse a Madrid para facerse cargo da dirección de Programación da entón recén nada Telecinco, ata o 1996, ano no que comezou a súa andadura profesional como director de Programación e de Antena de Canal Plus. En 2002, pasa a ser director de Contidos de Antena 3 Televisión e despois regresa a Telecinco, actual Mediaset España, como director xeral de Contidos.