HomePontevedraBaixo MiñoManuela Contacontos presenta “O gato con contos”

Manuela Contacontos presenta “O gato con contos”

- Anuncio -spot_img

Será o próximo martes dentro da programación do Mes da Biblioteca

O próximo martes, 21 de outubro, continúan na Biblioteca Municipal de Tui as actividades do “Mes da Biblioteca”. Será ás 17.30 h  cunha sesión de contacontos, para nenos a partir de 5 anos, a cargo de Manuela contacontos que trae o espectáculo “O gato con contos” .

“O gato con contos” e unha montaxe de narración oral na que se contan as aventuras e desventuras de varios gatos que pouco a pouco van descubrindo as súas capacidades e limitacións, aprendendo a aceptarse a si mesmos tal e como son. Partindo de historias moi divertidas, Manuela artella unha auténtica sesión de “educación en valores” co autoconcepto e autoestima como ideas a transmitir. O primeiro día de escola dun gato, outro que se atopa cun xenio e outros dous que andan ás liortas por ser un como o outro, pero, todas e todos, finalmente aprenden algo: a superar os medos, as envexas, os complexos e sobre ser mellores persoas, perdón, mellores gatos.

Manuela  defínese como actriz e narradora oral desde 1997. Ten realizado o seu traballo con destacadas compañías teatrais, entre elas: Teatro do Atlántico, A Internacional Teatro, Centro Galego, Espello Cóncavo, Teatro Galileo ou Teatro do Noroeste interpretando personaxes principais. Como narradora oral traballa coas compañías Falcatrua e Títeres Cachirulo e con Pedro Brandariz en Dinamo Producións realizando espectáculos de contacontos por toda Galicia.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, congratúlase polo éxito das actividades ata agora realizadas neste programa do “Mes da Biblioteca” cunha alta participación de público que se achegan desta forma á biblioteca e o seu traballo de fomento da lectura.

Esta sesión de contacontos forma parte do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Publicacións Relacionadas