• A concelleira de Deporteslembra que na contorna, ademais da dotación do novo tapete de primeira xeración, tamén se están a acometer traballos de posta a punto para adestramentos de ciclismo e atletismo
A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), pasou revista esta semana ao novo céspede de herba sintética, de última xeración, instalado no campo de fútbol da Reiboa. Trátase dunha superficie homologada pola FIFA para a disputa de competicións oficiais. A edil do Goberno local explicou que esta foi unha das actuacións estrela dentro da folla de ruta que o Concello está a completar para consolidar á área da Reiboa como unha zona deportiva multidisciplinar de referencia na bisbarra.
Neste sentido, Caldas lembrou que a dotación do novo tapete non é á única tarefa desenvolta no complexo deportivo, xa que tamén se están a acometer traballos de posta a punto na contorna do terreo de xogo. Deste xeito, consolidaranse espazos para adestramentos e a práctica de modalidades deportivas como atletismo e ciclismo. A responsable de Deportes prevé que estes traballos finalicen nas vindeiras semanas e, unha vez rematados, celebrarase un acto de inauguración das renovadas instalacións.
“Mantemos o noso compromiso de dotar ao municipio de instalacións deportivas de calidade, nas que os usuarios e usuarias, así como os clubs, poidan adestrar, competir e fomentar hábitos saudables entre a veciñanza e as crianzas”, sinala Caldas Moreira.
Con respecto á mellora experimentada polo campo de fútbol, a concelleira do BNG recordou que a actuación non se limitou unicamente á dotación do novo céspede sintético, que tamén se puxo a punto o sistema de drenaxe e se reparou o asfalto que está por debaixo do tapete, garantindo, deste xeito, a correcta escorrentía das augas.
Estrearanse tamén novas porterías e bandeirolas nos currunchos. “Esta mellora en concreto dá reposta a unha necesidade que xa tiñamos detectada, debido ao deterioro que sufría o anterior céspede”, recalcou Marga Caldas, que sinala que o campo de fútbol estará a disposición do tecido deportivo unha vez se leve a cabo o acto de inauguración.



