HomePontevedraPoioMarga Caldas salienta o notable crecemento experimentado polo deporte base de Poio

Marga Caldas salienta o notable crecemento experimentado polo deporte base de Poio

- Anuncio -spot_img

• Fútbol, fútbol sala, ciclismo, balonmán e ximnasia rítmica son as disciplinas que contan cun maior número de rapazas e rapaces inscritos nas Escolas Deportivas na nova temporada

• A edil de Deportes sinala que hai uns 650 nenas e nenos anotados nas ED a día de hoxe, de diferentes idades, o que supón un incremento de en torno ao 20% con respecto á campaña anterior

Xa está en marcha unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais de Poio. Os adestramentos das disciplinas, divididas por grupos en función das idades das crianzas e da mocidade, deron comezo esta semana, na que a concelleira responsable de Deportes, Marga Caldas (BNG), presenciou algunhas das sesións. Tal e como explica a edil do Goberno local, as ED experimentaron un crecemento en número de inscritos e inscritas nesta campaña 2022-2023, na que toman parte preto de 650 rapazas e rapaces de diferentes idades. Isto supón un incremento de aproximadamente o 20% con respecto á convocatoria anterior. “A maiores, habería que engadir a todas e todos os deportivas que, estando en idade escolar, compiten en competicións federadas, sen formar parte das Escolas Deportivas”, matiza.

Este ano, son máis dunha ducia as opcións que se ofertan para a rapazada, destacando, por exemplo, a recuperación do atletismo e da vela. Marga Caldas lembra que aínda está aberto o prazo de inscrición para algunhas destas actividades e que toda a información pode obterse a través da páxina web do Concello de Poio (www.concellopoio.gal). “O ritmo de inscricións está sendo moi elevado, polo que estamos convencidos de que de cara ao mes de novembro estaremos falando de rexistros históricos nas ED”, indica a nacionalista. Ademais da alta participación en modalidades como fútbol ou fútbol sala, tamén se están a consolidar outras disciplinas, que están “plenamente asentadas e medrando” como é o caso do ciclismo, o atletismo ou a ximnasia rítmica, por citar algúns exemplos.

A concelleira de Deportes valora moi positivamente o incremento de participantes, nunha edición na que os adestramentos xa volven á normalidade desde o seu comezo, logo de que nas convocatorias 2020-2021 e 2021-2022 “tanto o Concello como os clubs tivésemos que estar moi pendentes da evolución da pandemia da COVID-19, que nos obrigou a adaptarnos ás restricións establecidas e, aínda así, nesas campañas tamén fomos quen de que se ampliase a participación”. Marga Caldas salienta o gran labor do tecido deportivo do municipio, que fai que “o deporte estea plenamente consolidado como unha das fórmulas de lecer favoritas para a rapazada de Poio, fomentando, deste xeito, hábitos saudables entre a xente moza”. Ademais, Caldas Moreira tamén incide en que este traballo de canteira tamén se ve reflectido nos “grandes resultados” que, ano tras ano, conseguen numerosos deportivos do concello ou que forman parte dos clubs locais nas diferentes competicións nas que participan. A concelleira de Deportes salienta o esforzo que está a realizar o Concello para ofrecer aos e ás deportistas unhas instalacións “reformadas e modernizadas” para a realización de adestramentos e competicións. A día de hoxe séguese a traballar na renovación do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa, así como na dotación dunha superficie homologada no pavillón do CEIP Lourido, tarefa que tamén se acometerá proximamente no pavillón polideportivo da Seca.

Por último, Caldas deixa clara “a aposta que facemos polo Deporte, porque iso é sinónimo de apostar por construír un futuro mellor para as novas xeracións. Traballamos para dar a posibilidade de que a rapazada poida acceder ao deporte de xeito igualitario, con prezos asequibles e dando prioridade ás familias de Poio, subvencionando a aquelas que non conten con recursos para que tamén teñan dereito a gozar con estas actividades”. A edil de Deportes conclúe sinalando que “todo isto é froito do traballo colectivo, onde o tecido
deportivo e o propio Concello imos da man na elaboración dun programa que destaca pola súa gran variedade deportiva”.

Publicacións Relacionadas