HomePontevedraPoioMarga Caldas supervisa os avances na mellora da superficie do pavillón da...

Marga Caldas supervisa os avances na mellora da superficie do pavillón da Seca

- Anuncio -spot_img

• A edil de Deportes salienta que a actuación, que conta cun orzamento superior aos 200.000 euros, está cumprindo cos prazos establecidos

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, comprobou esta semana o avance que están a experimentar as obras de mellora da superficie do pavillón polideportivo da Seca, situado na parroquia de San Xoán. Cómpre lembrar que esta era unha actuación moi necesaria e demandada polos clubs e deportistas que fan un uso habitual destas instalacións, tanto para competir como para levar a cabo os seus adestramentos, xa que se facía preciso reparar as deficiencias detectadas.

Caldas mantivo un encontro con representantes da empresa responsable de actuación, que conta cun financiamento que ascende a máis de 200.000 euros, IVE engadido. A responsable do departamento de Deportes destaca o bo ritmo dos traballos e sinala que “se están a cubrir cos prazos previstos”. A día de hoxe xa se dotou á infraestrutura dunha nova base de formigón, a través da cal se garante a reparación de desniveis e desperfectos que foran detectados a través dun estudo previo. Está previsto que en febreiro xa se leve a cabo a dotación dunha nova superficie homologada, de primeira calidade. Ademais, tamén se procederá a habilitar un novo videomarcador, entre outras melloras.

Marga Caldas salienta a importancia desta obra, para mellorar un pavillón que “é un referente no que a instalacións deportivas se refire dentro da bisbarra” e, unha vez máis, agradeceu a comprensión e paciencia dos deportistas e clubs que durante o desenvolvemento destas obras teñen que facer uso doutras instalacións da contorna para adestrar e competir. “Agardamos que esta obra finalice nos prazos previstos e que moi pronto poida volver a ser utilizada con todas as garantías”, conclúe Caldas Moreira.

Esta é a segunda reforma de relevancia que experimenta o pavillón da Seca no actual mandato, logo que no ano 2021 tamén se levase a cabo a mellora da cuberta, que incluíu, a maiores, a dotación de novo alumeado led, o que garante nun consumo moito máis eficaz de enerxía. Esta actuación tamén rondou os 200.000 euros e foi promovida a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e custeada mediante fondos europeos vía IDAE.

Publicacións Relacionadas