• A concelleira de Deportes lembra que na contorna, ademais destes traballos, tamén se está a habilitar un espazo para atletismo, a maiores da instalación dun céspede sintético de última de xeración para o campo de fútbol
A edil de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, valora positivamente o avance nos traballos que se están a levar a cabo para dotar á contorna do campo de fútbol da Reiboa, na parroquia de San Xoán, dun circuíto habilitado para ciclismo. A actuación avanza a bo ritmo e tamén incluirá o tratamento da superficie para acoller adestramentos de atletismo. “É un paso máis de cara a consolidar A Reiboa como unha área deportiva e de lecer de referencia e multidisciplinar”, sinala a concelleira do Goberno municipal.
Cómpre lembrar que recentemente concluíu o proxecto para a substitución do céspede sintético do campo de fútbol. A nova superficie é de última xeración e está homologada pola FIFA para acoller a disputa de competicións oficiais. Foi unha actuación que contou cun orzamento duns 200.000 euros e que tamén incluíu a renovación de material como porterías e bandeirolas, así como a renovación e arranxo do sistema de drenaxe, co obxectivo de evitar acumulacións de auga en épocas de chuvia. Marga Caldas sinala que a intención do Concello é celebrar un acto de inauguración das renovadas instalacións unha vez conclúan os traballos de posta a punto para a zona de ciclismo e atletismo, que son tarefas que “dan resposta ás peticións dos clubs”.



