A concelleira reclamou “seriedade” e “planificación”, nuns traballos que “son iguais todos os anos”, e cuxa ausencia demostra que “Juncal está pouco atento ao traballo de xestión de persoal e servizos”.
O estado dos areais bueueses motivou unha nova queixa do Partido Popular de Bueu, quen, representado pola concelleira María Blanco, cualificou a situación actual de “vergoñenta e alarmante”. Blanco puxo nome e apelidos á responsabilidade sobre “o desdén” que leva xa varios anos instalado na xestión da limpeza, e sinalou que “o alcalde de Bueu, Félix Juncal, decidiu hai máis de tres anos non delegar as competencias de obras e servizos e asumilas directamente”, o que “hoxe estamos pagando os 11.950 habitantes de Bueu, así como as persoas que nos visitan”. “O estado da vila é totalmente decadente, especialmente nas parroquias, e resulta totalmente sorprendente que un labor relativamente fácil [a limpeza dos areais] estea sempre deixado de lado”, subliñou.
A pesar de tratarse “de xestións similares” todos os anos, indicou que “praias como a de Lapamán deberían facer que se lle caia a cara de vergoña a calquera persoa do goberno local”. Este areal, que pertence aos concellos de Bueu e Marín, denota “dous modelos de traballo totalmente opostos”. “Calquera persoa que acuda a Lapamán pode percibir que, mentres o espazo de Marín está limpo e ben mantido, o que pertence a Bueu parece a todas luces esquecido”, afirmou remarcando que “hai un nulo coidado dos accesos, non se baldean os contedores da contorna, a limpeza é bastante deficiente pola xestión horaria de prestación do servizo e a falta de persoal suficiente”.
Dese modo, Blanco cuestionou que “ese modelo de antixestión se traslada a moitas das praias da nosa vila”, o que supón “unha falta de respecto a toda a veciñanza que vai aos areais, así como aos turistas que nos visitan”. “Reclamamos unha nova política de xestión do persoal e dos servizos, un xiro de temón para deixar de estar sempre a rebufo do que se fai noutros concellos e explotar todo o potencial de Bueu”. “Bueu non é unha vila de terceira”, concluíu.