En Marín, hay 60 persoas traballando neste servizo público, das cales 59 son mulleres, que realizan 5.000 horas ao mes e chegan a 90 fogares. “É o momento de visibilizar e dignificar unha profesión básica, onde os coidados son o centro”, declarou a alcaldesa, María Ramallo.
A programación inclúe actividades en centros educativos, un obradoiro de burnout para as traballadoras e a celebración do acto institucional, onde se proxectará un documental con testemuñas reais.
O Concello de Marín presentou esta mañá a campaña institucional para conmemorar o Día Internacional da Muller, nun acto que contou coa participación da alcaldesa, María Ramallo; as concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, e as representantes do Centro de Información á Muller (CIM).
Seguindo a tradición de dedicar cada 8M a un gremio profesional, esta edición pon o foco nas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un colectivo fundamental para o benestar da comunidade baixo o lema: “SAF, os coidados que melloran vidas”.
Un servizo esencial e feminizado
“O SAF constitúe un dos piares silenciosos do benestar nos municipios, permitindo que persoas maiores ou dependentes conten cos coidados que precisan no seu propio fogar, onde están as súas pertenzas, vivencias, recordos…”, explicou a alcaldesa.
En Marín, no que acaba de renovarse o contrato, convertíndose nun dos dous de máis inversión municipal, o servizo conta con 60 persoas traballadoras, das cales 59 son mulleres. Actualmente, este equipo chega a 90 fogares da vila, prestando de xeito gratuíto 5.000 horas ao mes.
“O traballo destas profesionais vai máis alá do técnico, esixindo unha gran sensibilidade e compromiso ético ao desenvolverse no espazo máis íntimo das persoas”, aseguran desde o Concello, polo que “neste 8 de marzo tiñámolo claro: tiñamos que visibilizar e reivindicar unha profesión esencial”.
Son, como reza a campaña, “coidados que melloran vidas”, grazas a traballadoras que teñen que lidiar con situacións difíciles e esixentes a nivel físico e emocional, con horarios inestables, desprazamentos entre domicilios…
Programación e recoñecemento
Entre as actividades destacadas atópanse:
● Actividades escolares: Obradoiros lúdico-educativos en centros de Primaria baixo o título “Un día axudando na casa”. Tamén se levará a cabo a iniciativa “Radar: Level Up” para alumnado de ESO e Bacharelato.
● Acto Institucional (8 de marzo): Ás 12:30 h no Museo Municipal Manuel Torres terá lugar a homenaxe central. O acto incluirá a lectura da declaración institucional e a proxección dun documental sobre o oficio que conta cos testemuños reais das traballadoras Teresa Edreira, Lila Anaya Becerra e Saida Omar.
● Formación para profesionais: O 10 de abril celebrarase un obradoiro de prevención do burnout no Centro de Saúde, destinado a ofrecer ferramentas de autocoidado ás traballadoras do servizo ante a gran carga física e mental que soportan.
A maiores, reaproveitouse a exposición fotográfica “Mans Coidadoras”, que poderá visitarse no vestíbulo do Concello ata o 6 de marzo e, posteriormente, no Museo Torres ata o día 8, e que ten por obxectivo é dignificar o valor social do coidado profesional.
Con esta campaña, o Concello de Marín reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e o recoñecemento dun labor imprescindible que, malia o seu enorme valor social, precisa avanzar en visibilidade e recoñecemento profesional.



