• O alcalde, Manuel Campos, que tamén tomou parte nesta cita portando a imaxe do patrón durante un tramo do traxecto, agradece e pon en valor o esforzo da veciñanza para manter viva unha tradición que se remonta a máis un século
• Os veciños e veciñas habilitan unha pontella de madeira para poder salvar o paso sobre o río Umia e poder chegar ata Sebil
Este mércores tivo lugar unha das citas relixiosas máis emblemáticas e especiais do verán en Cuntis. Un gran número de veciños e veciñas de todas as idades participaron na procesión de San Roque, que parte desde a parroquia de Cequeril e chega ata Sebil, nun traxecto que se prolonga durante máis de 10 quilómetros, a través de diferentes camiños, sendas e pistas forestais.
Ademais de pola súa lonxitude, esta procesión tamén é unha das máis especiais da provincia de Pontevedra porque son os propios veciños e veciñas os que, cada ano, habilitan unha pontella de madeira, que se utiliza para poder salvar o paso do río Umia, de xeito que a comitiva poida chegar ata Sebil. A procesión realizouse pola mañá, cunhas condicións meteorolóxicas axeitadas. Á cita non faltou o alcalde, Manuel Campos, que non dubidou en exercer de costaleiro durante un tramo do traxecto, no que portou a imaxe do santo patrón. Na metade do traxecto houbo un pequeño refrixerio na Queizosa, para reponer forzas. A procesión rematou no campo da festa de Sebil, cunha misa na honra de San Roque. Campos Valey agradeceu e puxo en valor o esforzo dos veciños e veciñas que “ano tras ano se implican á hora de manter viva unha tradición que xa conta con máis dun século de antigüidade e que, sen dúbida, forma parte da nosa historia e esencia como pobo e concello”.
As orixes desta celebración proveñen da época na que un grupo de veciños e veciñas de Cuntis sacaron a imaxe de San Roque en procesión para pedir protección contra enfermidades coma a peste.