HomePontevedraBaixo MiñoMasterclass de Tomiño nas Olimpíadas do Equipo Europa

Masterclass de Tomiño nas Olimpíadas do Equipo Europa

- Anuncio -spot_img

A técnica da OMIX achegou as oportunidades da Unión Europea ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP participante nesta iniciativa educativa que conta co apoio da Oficina do Parlamento Europeo en España

A técnica da OMIX de Tomiño, Elisabet de Santiago, cunha ampla experiencia no ámbito da información xuvenil e das oportunidades europeas, ofreceu unha conferencia dentro do programa Olimpíadas de Equipo Europa, unha iniciativa educativa dirixida a estudantado de ESO, Bacharelato e FP que busca achegar a Unión Europea á mocidade dun xeito participativo e dinámico.

No marco desta actividade, a responsable da OMIX, oficina que ademais funciona como punto multiplicador Eurodesk,  impartiu a masterclass titulada “Oportunidades na UE”, no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo. Durante a charla abordou diferentes programas e recursos que a Unión Europea pon á disposición da mocidade en ámbitos como a mobilidade, a formación, o voluntariado ou o emprego, co obxectivo de inspirar ao alumnado e achegarlle novas perspectivas de futuro.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “é un orgullo que profesionais do noso Concello sexan convidadas a participar en iniciativas educativas deste nivel, compartindo coñecemento e achegando ás novas xeracións as oportunidades que ofrece Europa. Desde Tomiño levamos anos traballando para que a mocidade teña acceso á información e aos recursos que lles permitan ampliar horizontes e participar activamente no proxecto europeo”.

Ademais da súa participación como relatora, a técnica municipal tamén formará parte do tribunal encargado de avaliar os ensaios centrados no 40 aniversario da adhesión de España á UE que o alumnado participante nas Olimpíadas debía elaborar, contribuíndo ao proceso de valoración final desta iniciativa educativa. Con esta participación, o Concello de Tomiño reforza o seu compromiso coa información xuvenil, a educación en valores europeos e a promoción das oportunidades internacionais para a mocidade.

Publicacións Relacionadas