HomeO SalnésA Illa de ArousaMedio Ambiente márcase como obxectivo acadar o 55% de reciclaxe dos residuos...

Medio Ambiente márcase como obxectivo acadar o 55% de reciclaxe dos residuos municipais no ano 2025

- Anuncio -spot_img

A edil Gabriele von Hundelshausen quere que A Illa cumpra os parámetros marcados por Europa e apunta á compostaxe como unha parte clave no proceso

Unha nova técnica en compostaxe, Nerea Cima Cid, incorporouse neste mes de febreiro ao equipo da Concellería de Medio Ambiente que traballa co obxectivo para este ano 2023 de reducir os residuos xerados na Illa de Arousa, un proxecto global no que a clave do éxito está na modificación dos hábitos de consumo, explica a concelleira de Medio Ambiente, Gabriele von Hundelshausen, que destaca tamén a importancia de traballar co respaldo do programa Revitaliza, da Deputacion

O municipio arousán —xa pioneiro no seu día ca implantación da compostaxe— quere manterse como un referente na xestión dos seus residuos e acadar os obxectivos marcados pola Unión Europea que obrigan a recoller selectivamente os biorresiduos en 2023 e a reciclar o 55% dos residuos municipais en 2025.

“É prioritario concienciar á veciñanza da importancia de separar os seus residuos para reducir a bolsa resto. O obxectivo é aproveitar estes materiais e aforrar os custes ambientais asociados á emisión de gases de efecto invernadoiro que agravan o cambio climático”, explica a edil de Medio Ambiente que insiste en que os residuos orgánicos son a fracción maioritaria en peso do total dos residuos xerados nos fogares. Neste sentido recoñece que a veciñanza da Arousa destaca pola súa implicación na compostaxe destes residuos, o que supón unha das maiores fortalezas do municipio.

Con catro centros de compostaxe comunitaria e 470 composteiros entregados á cidadanía desde 1998, A Illa de Arousa “atópase en moi boa situación de partida para dar cumprimento aos obxectivos de reciclaxe e prevención”.

Á cabeza en recollida por fraccións
A Illa de Arousa presenta uns bos datos de recollida das fraccións reciclábeis nos contedores da rúa. Destacan especialmente os de envases lixeiros do contedor amarelo, onde dende vai anos o Concello recolle máis do dobre de quilogramos por habitante e día que a media galega e a española. A recollida do vidro tamén ten resultados por enriba da media, mais na revisión dos contedores tense detectado a presenza de grande cantidade de impropios, como plásticos e outros materiais que non deberían ser depositados nese contedor. «É importante que a xente se fixe máis para evitar os impropios nestes contedores», apunta a edil de medio ambiente.

Os catro centros de compostaxe comunitaria actualmente instalados e en uso permiten xestionar unha cantidade de fracción orgánica equivalente á xerada por 1.000 habitantes. No pasado ano a cantidade total de fracción orgánica xestionada a través de compostaxe comunitaria na Illa de Arousa foi de 45 toneladas.

No que respecta á compostaxe doméstica, actualmente, no censo de vivendas con desconto na taxa do lixo por uso de composteiro figuran un total de 405 vivendas. Así, no pasado ano a cantidade total de fracción orgánica xestionada a través de compostaxe doméstica foi de 41 toneladas.

Os biorresiduos (fracción orgánica dos residuos municipais máis a fracción vexetal) xestionados por compostaxe no Concello de A Illa de Arousa para o ano 2022, supera as 126 toneladas.

O conxunto da recollida selectiva, tanto en contedores como nos residuos recollidos separadamente no punto limpo, supuxeron un 34% da produción total de residuos municipais no ano 2021. Aínda que é un dato positivo, Gabriele von Hundelshausen considera necesario intervir para acadar no ano 2025 o obxectivo do 55% de preparación para a reutilización e reciclaxe do total de residuos municipais.

Publicacións Relacionadas