HomePontevedraBaixo MiñoMelchor, Gaspar e Baltasar volverán regalar a súa maxia o próximo 5...

Melchor, Gaspar e Baltasar volverán regalar a súa maxia o próximo 5 de xaneiro na Eurocidade Tui-Valença

- Anuncio -spot_img

A Cabalgata Internacional sairá dende a Fortaleza de Valença. A recepción real terá lugar no Teatro Municipal

Os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, volverán regalar a súa maxia o próximo luns 5 de xaneiro na Eurocidade Tui-Valença cunha nova edición da Cabalgata Internacional, unha celebración única en toda Europa.

Este ano, como novidade, a comitiva real iniciará a súa viaxe, ás 17 h ES, nas Cortinas de São Francisco, na Fortaleza de Valença. Dende alí, ao longo dun percorrido de 3,5 quilómetros repartirán a súa maxia e ilusión pola Avenida dos Combatentes da Grande Guerra, a Rotunda da Trapicheira, e a Avenida de España, para cruzar a centenaria Ponte Internacional.

Xa en terras tudenses, Melchor, Gaspar e Baltasar, avanzarán pola Avenida de Portugal, polas rúas Martínez Padín, Ourense, e Lugo para chegar até a praza de Galicia e continuando logo polas rúas Betanzos e Compostela, onde as carrozas quedarán estacionadas. Dende alí, as Maxestades de Oriente desprazaranse até o Teatro Municipal onde ás 19.45 h comezará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen a saudalos e compartir con eles os soños para unha noite cargada de ilusión.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á Eurocidade Tui-Valença en tres magníficas carrozas, acompañados por outras catro carrozas creadas con agarimo e dedicación polas asociacións Arume de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, Lembranzas de Guillarei e Xuntanza de Randufe. A música da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, e as charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo porá a banda sonora a este máxico percorrido..  Os Reis, os seus paxes e toda a comitiva, irán repartindo 1.500 quilos de caramelos sen glute.

Máis de 200 persoas participarán activamente na Cabalgata Internacional de Reis entre os figurantes, músicos e persoal de organización e seguridade. Os gobernos municipais de Tui e Valença participarán tamén neste percorrido simbolizando o traballo conxunto que realizan ao longo do ano no marco da Eurocidade e que dende 2010 ten na Cabalgata de Reis unha das actividades compartidas con maior participación e repercursión.

Antes deste percorrido internacional os Reis estarán xa pola mañá no Teatro Municipal recibindo aos nenos e nenas 10.30 a 14 h.

A Eurocidade Tui-Valença ultima así os preparativos para unha xornada na a maxia e a ilusión traspasarán fronteiras nunha cita máxica entre dous municipios de dous países unidos polo Miño.

Publicacións Relacionadas