HomePontevedraCaldasMiguel Anxo Fdez. Lores destaca que o BNG está preparado para liderar...

Miguel Anxo Fdez. Lores destaca que o BNG está preparado para liderar o país

- Anuncio -spot_img

Na presentación do libro que conmemora os 40 anos do BNG, recalca que nunca veu a organización con máis forza nin cun mellor liderado

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou no acto celebrado este martes no hotel Galicia Palace, o libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022 co que o Bloque conmemora o seu 40 aniversario, nun acto no que reivindicou o papel dinamizador do BNG en boa parte dos avances acadados en Galiza ao longo das últimas catro décadas.
“No Frontón de Riazor sentíase a forza dunha Galiza que quería avanzar até converterse nun país punteiro. 40 anos despois temos moita máis experiencia e, se cabe, máis gañas, máis proxectos e máis amor polo país. Co empuxe dos sectores máis dinámicos da sociedade galega este país non ten límite”, afirmou Lores despois de agradecer o traballo de militantes e simpatizantes ao longo destes 40 anos. “Sen vós, hoxe o BNG non sería a alternativa na que cada día confían máis galegos e galegas” engadíu o alcalde de Pontevedra.

Fernández Lores amosou o seu orgullo por compartillar militancia no BNG non só coas persoas que levan toda unha vida na organización senón tamén con todas as que se están a incorporar nestes últimos tempos, “esas que achegan ao BNG tanta ilusión e coñecemento e que están dispostas a daren o mellor de sí para construír unha Galiza mellor”

O alcalde de Pontevedra rematou a sua intervención facendo un chamamento a todas as persoas militantes e simpatizantes a traballaren nos vindeiros meses sen descanso porque “temos por diante retos apaixoantes nas vindeiras eleccións. Nas municipais, Pontevedra xógase acadar metas que outras cidades nin se plantexan. Nas autonómicas, Galiza pode ter en Ana Pontón unha presidenta que lidere o país tendendo a man a toda a cidadanía que quere un país con futuro, igualdade e poder de decisión”.

Homenaxe á militancia
A intervención do alcalde seguíu á de Chus López Escudeiro, Rubén Cela e Carme da Silva que se referiron á traxectoria de compromiso co País que se recolle en 40 anos ao servizo da Galiza

BNG, 1982-2022, unha obra elaborada polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, e na que se sintetiza, ano a ano, a historia do Bloque Nacionalista Galego, os principais feitos políticos acontecidos no País e as actuacións chave desenvolvidas polo nacionalismo galego ao longo destas catro últimas décadas. O libro incorpora tamén 400 fotografías, moitas inéditas, que dan conta destes 40 anos de historia.

O acto rematou cunha homenaxe ás persoas da comarca que levan estes corenta anos militando ininterrumpìdamente no Bloque.

Publicacións Relacionadas