O xoves 7 de agosto, ás 22:30 horas, os exteriores do Centro Dotacional de Torroso acollerán un dos momentos máis esperados das Festas de San Mamede 2025: o concerto do grupo Milladoiro, considerado o máis internacional da música folk galega.
Esta actuación presentouse en Torroso nun acto no que estiveron presentes o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; os concelleiros Sara Cebreiro e Camilo Grandal, Rubén García, en representación do Conservatorio Profesional de Música de Torroso, e membros da Comisión de Festas de Torroso.
Formado en 1979, Milladoiro é un referente indiscutible da música galega contemporánea, recoñecido pola súa capacidade de innovar desde a tradición e por levar a cultura galega aos escenarios de todo o mundo.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliña que “Milladoiro representa o mellor da nosa música e da nosa cultura. Que estean en Torroso é un orgullo e unha mostra máis de que o noso rural pode e debe acoller propostas culturais de primeiro nivel”. Ao mesmo tempo, agradeceu a colaboración da Xunta para facer posible este concerto dentro das festas patronais.
As festas, organizadas pola Comisión de Festas de Torroso coa colaboración do Concello de Mos e a Xunta de Galicia, celebraranse entre o 2 e o 8 de agosto e contarán cunha ampla programación:
Mañá, 2 de agosto, o público poderá gozar do XXV Certame de Bandas, cunha actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Banda Cidade de Burgos.
O mércores 6, a Gran Sardiñada será seguida dunha animada verbena coa Charanga Sghae e Trío Nevada.
O xoves 7, que ademais é festivo local, xunto ao concerto de Milladoiro haberá misa solemne con procesión, partido de fútbol entre solteiros/as e casados/as, e actuacións dos grupos PesnaRúa e a Orquestra Trébol.
O venres 8, a Ruada de Torroso, os xogos infantís de Animar-T, a Orquestra Magos e a Disco Móbil Chocolate poñen o broche final a unha semana chea de festa.