HomePontevedraO CondadoMilleiros de escolares participan na X Xornadas de Teatro da FANPO no...

Milleiros de escolares participan na X Xornadas de Teatro da FANPO no Concello de Ponteareas

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas informa do comezo das Xornadas de Teatro organizadas pola Federación de Anpas do Condado, Paradanta e A Louriña (FANPO), unha iniciativa educativa e cultural pola que ao longo desta semana pasarán máis dun milleiro de alumnos e alumnas dos centros educativos das tres comarcas.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, quixo agradecer publicamente o traballo da FANPO e salientar “a importancia de traballar en rede coa comunidade educativa para sacar adiante iniciativas exitosas como estas, que achegan o teatro ao alumnado e converten as artes escénicas nunha ferramenta pedagóxica de primeiro nivel”. De feito, os Premios Agustina Sarmiento-Ponteareáns Distinguidos recoñeceu na súa primeira edición o traballo e compromiso da FANPO.

González destacou tamén o valor de ofrecer unha semana de teatro ao alumnado, incidindo en que a FANPO selecciona en cada edición obras cun marcado carácter educativo, que transmiten valores e afondan en cuestións sociais de actualidade. “Ao longo das distintas edicións, as Xornadas de Teatro da FANPO puxeron sobre o escenario temas como a violencia de xénero, o edadismo, o bullying, o cambio climático, entre outros moitos, contribuíndo a sensibilizar, concienciar e avanzar cara a unha sociedade mellor”, sinalou. As Xornadas de Teatro da FANPO van máis aló das artes escéncias, son un apoio educativo.

Pola súa parte a FANPO agradece a todos os centros educativos participantes e tamén ao Concello pola súa colaboración e boa predisposición apoiando labores de organización de tráfico, transporte e xestión das instalacións. Adiantan que seguirán apostando polas Xornadas de Teatro e por actividades didácticas que dean apoio ás familias e acompañen a educación e crianza das nenas e nenos.

Nesta edición inclúese unha obra dirixida especificamente ao público adolescente. Trátase de #2Pilgrims, de Redrum Teatro, unha comedia que aborda as novas masculinidades e o acoso sexual a través das redes sociais. O espectáculo incorpora partes musicais nas que se analizan letras de cancións de reggaetón para reflexionar sobre o machismo presente nelas e vai acompañado dunha guía didáctica para o traballo posterior nas aulas.

Para o alumnado de educación infantil e primaria, o programa complétase coas obras “Crisálida”, de Caramuxo Teatro, e “Maruxiña”, de Aurora Artes Escénicas, adaptadas ás idades máis temperás e cunha clara vocación educativa.

O Concello de Ponteareas colabora coa FANPO financiando unha das sesións, reafirmando así o seu compromiso coa educación e coa cultura como piares fundamentais do desenvolvemento da infancia e da mocidade.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro adiantou que o Concello “seguirá apoiando as Xornadas de Teatro da FANPO e todas aquelas iniciativas que achegan a educación ás artes”, enumerando os beneficios de fomentar actividades educativas a través da creación artística. Castro convidou a toda a comunidade educativa a participar nas distintas propostas municipais que promoven o talento da xuventude e da infancia, como os obradoiros do Talento Xove ou as iniciativas de Artistea.

Publicacións Relacionadas