Francisco Xabier Rodríguez Paz, na súa condición de voceiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Vilagarcía de Arousa, presenta á consideración do Pleno da Corporación Municipal a seguinte moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Esta Corporación Municipal é consciente de que a vila de Carril mantén un vínculo histórico, económico e afectivo tanto coa ría de Arousa como coa illa de Cortegada, pertencente ao parque Nacional MarítimoTerrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Desde a creación de dito parque e a inclusión do arquipélago de Cortegada no mesmo, cónstalle a este grupo municipal que houbo, e hai, un especial interese dos seus xestores por promocionar as visitas para coñecer os valores naturais de Cortegada de cara ao turismo, evitando dese xeito a saturación noutros arquipélagos
É notable, tamén, o investimento económico realizado na posta en valor de elementos arquitectónicos e etnográficos, a protección da fauna e flora, a erradicación de especies invasoras ou elementos de sinalización, así como na difusión do interese turístico de Carril e a illa en todo tipo de certames, congresos, etc.
Cortegada supón un motor económico máis a sumar ás potencialidades que Carril ten no sector turístico e da hostalaría, máis aló das excelencias dos produtos do mar, polo que resulta razoable pensar que non deberían poñerse trabas ao transporte de visitantes á illa desde o Porto de Carril, -competencia da entidade autonómica Portos de Galicia-, por ser este porto o máis próximo á mesma, e non causar interferencia – dado o seu carácter estacional ou esporádico, e protagonizado por embarcacións de pequenas ou medianas dimensións- coas actividades marisqueiras nin profesionais.
É unha obviedade que, con isto, os visitantes non só fan gasto en establecementos da localidade, senón que a pegada de carbono tamén é menor que se o transporte se realizase desde un porto máis distante.
Na actualidade, a autoprestación de servizo a pasaxe, que abrangue embarque e desembarque de pasaxeiros e o transporte dos seus equipaxes e vehículos, desde portos de titularidade autonómica, está condicionada á solicitude dunha autorización anual por parte de operadores privados que, baixo o principio de libre competencia, desexen operar desde eles, tanto a nivel estacional, como puntual ou
esporádico. Dita solicitude realízase mediante un procedemento por sede electrónica co código IF504B. A última actualización das instrucións ao respecto vense de producir na resolución do 17 de abril de 2023 (DOG do 5 de xuño de 2023).
Desde esta formación política non se acaba de entender que, na devandita resolución e os seus anexos, o porto de Carril fique excluído da relación de portos da ría de Arousa habilitados para a prestación de servizos a pasaxe, no que si aparecen, nesta banda sur da ría, Cabodeiro, Tragove e Vilanova.
Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG somete á consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
Solicitar á Entidade Pública Empresarial Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, a inclusión do porto de Carril como porto habilitado para a autoprestación de servizo a pasaxe, para aqueles servizos turísticos tanto de carácter continuado, como sen continuidade e discrecional, baixo criterios obxectivos de dispoñibilidade de espazo, capacidade das instalacións, seguridade, e de respecto ás normas medioambientais.