Esta fase está financiada integramente pola Xunta de Galicia
O Concello de Mos acomete as tarefas da primeira fase da ampliación da Senda Fluvial do Río Louro trala adxudicación das dúas actuacións iniciais que permiten avanzar de maneira efectiva na recuperación e acondicionamento da marxe dereita do río. Estes primeiros traballos, executados durante este mes de decembro, están financiados ao 100 % pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, nun exemplo de colaboración institucional ao servizo da protección e posta en valor do entorno natural.
Esta primeira fase céntrase na preparación do terreo e na mellora das condicións técnicas necesarias para a execución do novo trazado da senda fluvial, actuando sobre os primeiros 550 metros do percorrido previsto entre o Camiño da Gata e o Camiño das Lagoas.
As actuacións que conforman esta primeira fase inclúen, por unha banda, a obra de drenaxe para a execución da nova senda fluvial no río Louro, cun importe duns 30.000 euros, fundamental para garantir a correcta evacuación das augas e a estabilidade do futuro itinerario peonil.
Por outra banda, a actuación de desbroce, limpeza de marxes e movementos de terra para a execución da nova senda fluvial no río Louro, cun investimento de case 40.000 euros, que permitirá acondicionar a marxe do río, eliminar especies invasoras e preparar a base sobre a que se desenvolverá o novo tramo da senda.
O investimento total destas dúas actuacións ascende ronda os 70.000 euros, achegados na súa totalidade pola Xunta de Galicia.
Un paso decisivo na recuperación do río Louro
Con esta primeira fase, o Concello de Mos avanza na recuperación dun espazo natural de gran valor ambiental, mellorando a accesibilidade, a seguridade e a integración paisaxística da contorna do río Louro. Os traballos permitirán sentar as bases para a continuidade do proxecto de ampliación da senda fluvial, creando un itinerario máis amable, sostible e pensado para o goce da veciñanza.
O Concello de Mos agradece o apoio da Xunta de Galicia nesta actuación, que permite seguir avanzando na mellora dos espazos naturais do municipio e na creación de infraestruturas verdes que contribúen á calidade de vida da cidadanía.



