O Concello de Mos celebrou hoxe no Pavillón Óscar Pereiro o seu acto central polo 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha xornada que puxo o foco nas violencias invisibles e na importancia da sensibilización social dende a educación, a cultura e a implicación comunitaria.
Cerca de 200 persoas asistiron ao acto, que estivo presidido pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e contou coa participación do alumnado do IES de Mos, veciñanza e representantes de distintos colectivos locais.
Obradoiro e mural participativo: ver o que ás veces non se ve
A mañá comezou cun obradoiro de sensibilización dirixido ao alumnado do IES de Mos no que se traballaron conceptos relacionados coas violencias invisibles: control, manipulación emocional, desigualdade estrutural ou presión estética.
Durante a actividade, que se desenvolveu entre as 10:30 e as 12:30 horas, elaborouse un mural colectivo no que mozas, mozos e persoas adultas plasmaron mensaxes de rexeitamento da violencia machista e compromisos persoais para construír unha convivencia baseada no respecto e na igualdade. Para esta intervención instaláronse 25 metros de lonas onde o alumnado escribiu as súas frases e compromisos co fin de facer visible aquilo que normalmente permanece oculto.
Ademais colocáronse bandeiolas conmemorativas polo municipio e despregráronse 2’5 quilómetros de cinta de baliza como recurso visual e simbólico para chamar a atención sobre as violencias invisibles e reclamar que non se xustifiquen nin normalicen.
Lectura do Manifesto e homenaxe ás vítimas
Ás 12:00 horas tivo lugar o acto institucional, que incluíu a lectura do Manifesto polo 25N, unha homenaxe ás vítimas e un minuto de silencio en memoria das 38 mulleres asasinadas este ano (dato actualizado ata o 17 de novembro) en España, e dos 65 menores rexistrados como vítimas de violencia vicaria.
A alcaldesa Nidia Arévalo pronunciou o discurso central, no que afirmou que “Mos abre os ollos ás violencias invisibles” e chamou a toda a sociedade a romper silencios e actuar con unidade:
“Non hai cores nin fronteiras cando se trata de defender vidas. Hai compromiso, humanidade e valentía”.
Mos reafirma o seu compromiso: educación, apoio e prevención
No acto tamén se puxeron en valor os avances e o traballo desenvolvido polo Concello de Mos ao longo do ano:
• Máis de 400 atencións prestadas polo noso CIM este ano.
• 303 sesións psicolóxicas para acompañar e fortalecer ás usuarias.
• Coordinación institucional reforzada, formación ao persoal municipal e programas de prevención en marcha.
• Incorporación da Policía Local ao sistema VIOGEN, mellorando a protección das vítimas.
• Accións en marcha nos ámbitos da cultura, a educación e o emprego para construír igualdade real.
A alcaldesa destacou que “Mos é unha rede viva de empatía e compromiso. Un lazo que non é só un símbolo, senón unha promesa de acción”.
Un 25N que continúa ao longo da semana
As actividades do 25N continúan durante toda a semana:
• 27 de novembro: formación específica para o persoal municipal.
• 29 de novembro: representación da obra “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, ás 20:00h no Centro Dotacional de Torroso.



