A obra, que inclúe a instalación de preto de 500 metros de nova rede, acometerase grazas a unha subvención provincial de máis de 112.000 euros
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, informaron hoxe de que lle vén de ser concedida á administración local mosense unha subvención ao abeiro do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra, na liña 1 – investimentos do mesmo, por importe de 112.736,51 euros e co obxecto de acometer a rede de saneamento no Camiño do Carballo, parroquia de Cela, núcleo rural de Pardellas.
Os representantes municipais, Arévalo e Grandal, informaron de que “as obras previstas neste proxecto discorren por unha zona dun núcleo rural, onde se dará servizo a un total de 13 vivendas e 52 habitantes co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do Concello de Mos que carecen deste servizo”. Así, apuntaron tamén que se levará a cabo a execución dun total de 486,56 ml. de colector de saneamento coas súas acometidas correspondentes.
Previo á execución da canalización será necesario realizar traballos de demolición de pavimento e escavación de gabia correspondentes á zona de actuación.
As obras de ampliación e mellora consisten na execución dunha nova rede de residuais que discorre por gravidade ao longo de diversos camiños, rúas públicas e parcelas de titularidade privada ata a súa conexión un pozo da rede de saneamento existente, máis un tramo de colector que discorre por gravidade ao longo de diversas parcelas privadas ata a súa conexión co pozo PA2 da rede antes descrita. Trátase neste segundo caso dun tramo máis pequeno.
No deseño da rede destaca o elevado número e altura dos seus pozos de transición, condicionados polo gran desnivel existente a salvar ao longo de todo o colector proxectado.
O colector proxectado executarase na medida do posible polas marxes das rúas ou parcelas polas que discorren, coas lonxitudes e conexións definidas nos planos para cada caso.
Realizaranse demolicións de pavimento asfáltico en cruces de calzada así como de formigón nalgún dos camiños polos que discorre o trazado, os cales deberán ser demolidos e reposto por uns de similares características.
Para a rede de saneamento proxectouse unha tubaxe en PVC de diámetros 315 mm e 250 mm segundo zona. Os pozos de rexistro son circulares de 1,00 – 1,20 m de diámetro, realizados con aros de formigón prefabricado, recebado interior, soleira de formigón con formación de acanaladura, tapa e cerco de fundición. Contémplase a existencia de varios pozos de resalto debido ás pendentes do terreo.
A acometidas realizaranse mediante arquetas de 40×40 m. cunha tapa de rexistro de fundición de 50x50cm, preferentemente no portal de acceso de cada unha das vivendas ás que se pretende dar servizo.
A rede de saneamento proxectada divídese en dous tramos entroncados entre si, e cuxo vertedura final ten lugar nun pozo que á súa vez conecta por gravidade cunha rede de saneamento xa existente.
As obras contempladas no presente proxecto inclúen a reposición dos pavimentos demolidos previamente mediante a execución dunha base de saburra natural de 20 cm de espesor, a rega de imprimación e a execución dunha capa de rodadura de pavimento de aglomerado asfaltico de 8 cm de espesor ou soleira de formigón HP-30, a todo o longo das zonas afectadas polas obras. O prazo de execución previsto é de 5 meses para a correcta terminación das obras.

