O Concello de Mos aprobou hoxe na súa Xunta de Goberno Local a Fase 2 da Etapa 1 das obras de explanación e construción de muros de contención do Proxecto de Interese Autonómico Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta. Esta nova fase afecta a unha superficie de 24.000 m², o que supón aproximadamente o 10% da superficie total contemplada no proxecto.
O proxecto foi presentado oficialmente o pasado 10 de xullo na Cidade Deportiva Afouteza cun amplo respaldo institucional e social, e representa un auténtico fito para Mos e para Galicia, tanto polo seu impacto económico como pola súa dimensión formativa e deportiva.
A Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360, coñecido agora como Celta360, foi declarado Proxecto de Interese Autonómico (PIA) o pasado mes de abril, o que lle outorga un marco normativo específico e prioriza o seu desenvolvemento como infraestrutura estratéxica para o deporte galego.
As actuacións aprobadas hoxe contan cun orzamento de 580.254,92 euros e son plenamente compatibles coa ordenanza reguladora do PIA. Ademais, dispoñen dos informes favorables de Patrimonio, trala realización dos correspondentes traballos arqueolóxicos e da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
O Celta360 continúa avanzando con paso firme, situando a Mos como un enclave esencial no futuro do deporte en Galicia, e contribuíndo á xeración de emprego, ao desenvolvemento económico e á modernización das infraestruturas deportivas do país.

