Mos aproba no pleno a nova RPT e o protocolo de prevención de acoso

Redacción
Lectura mínima de 2

O Pleno do Concello de Mos aprobou a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) xunto co protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso, dous instrumentos que marcan a reorganización da estrutura municipal e o reforzo das garantías no entorno laboral.

A modificación da RPT foi validada previamente por unanimidade na Mesa de Negociación, co respaldo dos representantes sindicais e do equipo de goberno, tras un proceso no que se incorporaron alegacións ao documento inicial.

Entre as principais novidades, a nova RPT inclúe a creación e consolidación de prazas en áreas consideradas prioritarias. En concreto, incorpóranse tres prazas de Policía Local, unha praza de traballadora social, dúas prazas de atención psicolóxica e xurídica no Centro de Información á Muller (CIM) e unha nova praza no servizo de obras e mantemento. Parte destas prazas xa viñan sendo desempeñadas e pasan agora a integrarse de maneira estable no cadro de persoal municipal.

Ademais, a modificación contempla reestruturacións internas orientadas a mellorar a organización e o funcionamento dos servizos municipais.

Desde o punto de vista económico, a medida supón un impacto de máis de 150.000 euros. Esta cifra inclúe tamén axustes derivados da amortización de determinadas prazas, así como a aplicación de subvencións existentes.

No que respecta ao protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso, establécense procedementos para a detección, tramitación e intervención ante posibles casos de acoso laboral, sexual ou por razón de sexo, así como por orientación sexual, identidade ou expresión de xénero. O documento incorpora tamén medidas de sensibilización e formación dirixidas ao persoal municipal.

A aprobación destes dous instrumentos permite a súa integración na planificación orzamentaria municipal e establece un marco para futuras medidas, como a regulación do calendario laboral e o impulso da promoción interna.

Comparte este artigo