- No que vai de ano o departamento de Urbanismo concedeu xa 50 licenzas de actividade
- O novo polígono de Arrufana dará resposta á demanda existente de solo industrial na zona
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo mosense, José Ramilo, destacaron hoxe o progresivo e exponencial crecemento industrial que está a experimentar o Concello. Así, aportaron datos derivados dos informes do departamento municipal de Urbanismo que desvelan que os técnicos do mesmo atenden en información urbanística unha media de 3 consultas semanais sobre chan urbano industrial de persoas en busca de solo para asentar as súas empresas. O que representa preto de 150 consultas anuais neste senso. Unha cifra que se atopa con polígonos e parques empresariais mosenses ao 100% de ocupación, pois o de máis recente creación o PEMOS Veigadaña, ten o solo esgotado sen ningunha parcela libre, e tanto o polígono do Rebullón como o de Monte Faquiña, atópanse tamén completos.
Rexedora local e edil de Urbanismo aportaron a este respecto tamén outros datos de interese neste senso como que neste ano 2024, de xaneiro a setembro, concedéronse un total de 4 licenzas de obra maior para construción de nave industrial nova, e déronse, a través do sistema de comunicación previa, 50 licenzas de actividade, a profesionais que decidiron desenvolver a súa actividade empresarial no municipio mosense. “Unha vez máis os datos e as cifras demostran que somos un municipio territorio de oportunidades, un Concello vivo e en expansión industrial, que crece e quere seguir crecendo, un Concello de progreso e futuro que as empresas elixen para asentarse pola nosa ubicación estratéxica e a nosa excelente conexión coas principais infraestruturas e vías de transporte”, declararon Arévalo e Ramilo, “ao que tamén se suma”, engadiron, “que contamos cun Plan Xeral aprobado e en vigor dende xaneiro de 2017”.
“É por elo que resulta necesario un novo polígono porque as empresas demandan en Mos chan industrial, para naves industriais que non dan encaixado, porque non hai chan urbano industrial dispoñible. E para elo no polígono de Arrufan temos a clave”, explicaron os representantes municipais.
Mos, 4º municipio con maior tecido industrial da provincia de Pontevedra, quere seguir a crecer industrialmente, o que poderá facer co novo polígono empresarial de Arrufana, que Xestur sacou xa a consulta pública, e sobre o que a alcaldesa se reuniu este pasado verán no Concello tanto coa directora de estratexia industrial e solo empresarial da Consellería de Economía e Industria, Margarita Ardao, como con representantes de distintas empresas. Ademais próximamente celebrarase en Guizán unha reunión informativa con toda a veciñanza de Arrufana, para explicarlles pormenorizadamente os detalles do proxecto do futuro polígono a acometer na zona.
Desde que fóra anunciado en 2020, o proxecto do polígono de Arrufana foi avanzando a bo ritmo e en febreiro de 2023 Xestur encargou o estudo das conexións para o Desenvolvemento do parque empresarial en Louredo (Arrufana) Mos-Redondela. En marzo de 2023 Xestur anunciou a licitación por preto de 300.000 € do contrato para a redación do plan estruturante do novo Parque Empresarial de Arrufana. E a Xunta adxudicou en novembro do 2023 a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación deste parque empresarial. Agora o proxecto se atopa en estudo ambiental ou Avaliación Ambiental.
O novo polígono contará cunha superficie de preto de 480.000 metros cadrados, repartidos en parcelas de distintos tamaños, e ten a finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade. A previsión da Xunta de Galicia é investir -incluídas cuestións como a urbanización do parque, a compra de terreos, as conexións exteriores e os traballos técnicos, entre outras- máis de 40 millóns de euros no desenvolvemento deste proxecto. Este espazo permitirá poñer novas parcelas a disposición do tecido empresarial da zona atendendo á demanda existente e aos bos resultados de asentamento de empresas rexistrados no veciño parque empresarial de Veigadaña que se atopa ao 100% de ocupación.

