O Concello de Mos anima a toda a cidadanía a participar este sábado 13 de decembro na grande Recollida Solidaria organizada pola asociación Mos Axuda, que terá lugar nos principais supermercados do municipio.
Os equipos voluntarios estarán presentes en horario continuado, de 9:30 a 20:30 horas, nos supermercados Gadis, Eroski e Alcampo de Mos, facilitando a doazón de alimentos non perecedoiros e produtos básicos de hixiene destinados ás familias do concello que máis o precisan.
Dende o Concello de Mos destácase que “toda achega, por pequena que sexa, suma e é de enorme valor para seguir apoiando ás persoas en situación de vulnerabilidade”. Por iso, faise un chamamento solidario á veciñanza para que se achegue aos supermercados participantes e colabore nesta iniciativa imprescindible, especialmente nestas datas.
A alcaldesa subliña que Mos é un municipio cunha longa tradición de compromiso social e que accións como esta reforzan os valores de comunidade, solidariedade e apoio mutuo que caracterizan ao pobo mosense.
O Concello agradece por anticipado a colaboración da cidadanía e recoñece o labor incansable de Mos Axuda e do seu voluntariado.



