O nadador paralímpico Juan Ferrón, pertencente ao Club Natación Mos, vén de conseguir un dos maiores logros da súa carreira deportiva e da historia recente do deporte mosense: proclamouse subcampión do mundo co combinado español de 4×100 estilos mixto no Campionato do Mundo disputado en Singapur.
O equipo español, formado por Albert Gelis (costas), Marian Polo (braza), Juan Ferrón (bolboreta) e Emma Feliu (libre), asinou un tempo de 4:25.33 que supuxo non só a medalla de prata, senón tamén o novo récord de Europa. A vitoria foi para Brasil cun rexistro de 4:23.48, marca que representa o novo récord do Mundo.
Na súa posta de 100 metros bolboreta, Juan fixo un tempo de 59.76 segundos, clave para manter a España en posición de podio. Ademais, competiu tamén na proba individual de 100 m. bolboreta S12, onde finalizou quinto, mellorando por dúas veces o récord de España (59.65 en series e 59.59 en final), malia arrastrar unha lesión no periostio dunha costela nas últimas semanas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que se trata dun fito para todo o municipio: “Mos volve estar presente na elite deportiva internacional. A dedicación e a constancia de Juan Ferrón son motivo de orgullo para o noso Concello e exemplo para as novas xeracións. Hoxe un pedaciño de Mos está en Singapur, subindo ao podio mundial”.
Este resultado consolida a Ferrón, que mañá nada os 100 m. libres e o venres o 400 libre, como un dos referentes da natación paralímpica galega e estatal, situando a Mos de novo no mapa do deporte internacional

