O Concello de Mos celebrou esta mañá o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha actividade educativa, creativa e de sensibilización dirixida ao alumnado de 5º de primaria dos centros educativos públicos do municipio. Baixo o título “Construíndo xuntos a inclusión”, a iniciativa estaba organizada por EVD Galicia en colaboración coa Concellería de Educación, co obxectivo de promover valores como o respecto, a empatía, a convivencia e a igualdade de oportunidades.
Ao longo de tres xornadas previas, as nenas e nenos dos cinco colexios de Mos —CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Mestre Valverde Mayo, CEIP Pena de Francia, CEIP Atín e CEIP Petelos— participaron na creación dunha obra artística colectiva realizada sobre unha malla metálica de dez metros. A actividade consistía en tecer cintas de cores formando patróns xeométricos e engadir mensaxes positivas relacionadas coa inclusión, a diversidade e o respecto.
As mulleres con discapacidade de EVD Galicia exerceron un papel protagonista, conducindo a sesión, guiando ao alumnado e ofrecendo unha charla inicial de sensibilización. A proposta buscaba reforzar a convivencia interxeracional, dar visibilidade ás diferentes realidades da discapacidade e romper estereotipos a través da participación e do contacto directo. A lectura do manifesto realizouse no CEIP Valverde Mayo.
O mural final, que simboliza que a inclusión constrúese entre todas e todos, capa a capa, vaise instalar no Parque da Auga de Sanguiñeda, onde permanecerá exposto para continuar a sensibilización da comunidade.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, salientou “a importancia de educar no valor da diversidade e no respecto ás diferenzas dende idades temperás, promovendo unha sociedade máis xusta e inclusiva”.
Con iniciativas como esta, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso cun municipio diverso, consciente e construído coa participación de todas as persoas.



