HomeVigoMosMos celebra o Día das Escritoras cun encontro literario que homenaxea o...

Mos celebra o Día das Escritoras cun encontro literario que homenaxea o talento feminino local

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos conmemora o Día das Escritoras cun acto especial que terá lugar o vindeiro mércores, 15 de outubro, ás 20.00 horas, na Biblioteca Pública Municipal María Magdalena. A iniciativa busca poñer en valor o talento literario das autoras mosenses e reivindicar o papel das mulleres na literatura e na cultura.

O encontro contará coa participación de varias creadoras locais que representan diferentes xéneros e xeracións da escrita tanto en galego como en castelán. Entre elas estarán:

·         Raquel Rodríguez Muñiz, criminóloga, especialista en igualdade de xénero e sexualidade positiva, autora da triloxía Así nos ven, Así me vexo e Así nos vemos, unha ferramenta educativa de enorme valor sobre educación emocional e sexual na adolescencia.

·         Angie Roa, natural de Cela, gañadora do VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético coa súa obra Noa e a cidade sen maxia, publicada por Xerais, unha historia de fantasía e aventuras para público infantil e xuvenil.

·         Noelia Rodríguez, aboga especializada en Dereito Procesal e Concursal, é unha escritora mosense de narrativa romántica e fantástica, autora de Involución, Los visionarios, Las rubias también lloran, Rosa desteñido, Nunca es mañana, La chica de las magdalenas e Integración París 2314, obras que combinan emoción, intriga e unha profunda reflexión sobre as relacións humanas.

·         Sonia Blanco Sío, médica e escritora de literatura infantil, autora do álbum ilustrado A Pedra Vermella, unha historia que convida a descubrir o mundo das emocións a través dos ollos da infancia.

·         Beatriz Cabaleiro, xornalista e autora do libro infantil Clover, unha porquiña diferente, finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2022.

·         Rosa Montenegro Bernárdez, pedagoga e autora de El yo y sus metáforas, unha obra sobre autocoñecemento, empatía e benestar persoal.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que este encontro “é unha fermosa oportunidade para recoñecer e celebrar o talento das nosas escritoras, que enriquecen a nosa cultura e inspiran ás novas xeracións”.

Durante o acto, as autoras compartirán fragmentos das súas obras, reflexións sobre o proceso creativo e o papel da muller na literatura contemporánea. A velada estará aberta ao público ata completar aforo e promete ser un espazo de emoción, palabra e inspiración compartida.

Publicacións Relacionadas