O Concello de Mos acolleu a celebración dun coloquio arredor da película Rondallas, no marco do Rondallas Fest, un evento que pon en valor a música tradicional galega, a cultura popular e o sentimento de comunidade que define ás rondallas.
O encontro contou cunha ampla representación do equipo artístico e creativo do filme, coa participación do director Daniel Sánchez Arévalo, os actores Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, María Vázquez, Judith Fernández, Fer Fraga, o actor e humorista David Perdomo, e Dani Burgos, director da Rondalla Santa Eulalia de Mos e integrante de Vacaloura Vermella, formación responsable da composición do tema Tempo de Rondallas para a película. Ademais, o coloquio estivo conducido por Alejandro Pérez, que tamén aparece na película como presentador do concurso de rondallas no Ifevi, profesión que tamén desempeña na vida real.
Durante o coloquio, Daniel Sánchez Arévalo destacou que Rondallas é unha película que transmite unha fonda sensación de comunidade e pertenza. O director explicou que, cando chegou por primeira vez ao mundo das rondallas, atopou un aparente caos, “pero un caos no que todo funcionaba”, unha dinámica colectiva que o cativou e que foi determinante para levar esta historia á pantalla.
Pola súa banda, Xosé Antonio Touriñán puxo en valor todo aquilo que nos une, sinalando que “están ben todas as cousas que nos xuntan”, e asegurou que formar parte de Rondallas foi un auténtico pracer, ata o punto de sentirse un rondalleiro máis e membro dunha gran familia.
Carlos Blanco, con fortes vínculos con Mos, destacou a figura de Daniel Sánchez Arévalo, a quen definiu como “un dos mellores directores de cine sen dúbida”. Blanco dixo en relación ao filme que “conseguimos facer dunha broma una realidade”.
O actor Fer Fraga estableceu un paralelismo entre o traballo nunha película e o funcionamento dunha rondalla, sinalando que non se diferencian tanto como pode parecer, xa que en ambos casos se trata dun labor colectivo no que cada persoa é imprescindible. Engadiu que lle gustaría vivir sempre o seu oficio desde esa idea de comunidade.
María Vázquez explicou que ata que non se vive unha rondalla desde dentro é difícil comprendela completamente. A actriz afirmou que, tras esta experiencia, xa se considera rondalleira e quixo dar as grazas a todas as persoas implicadas por “este regalo de película”.
Para Judith Fernández, participar en Rondallas foi un pracer desde o primeiro momento. A actriz destacou que todo o equipo foi acollido “cos brazos abertos” e que, ao chegar ao Pazo de Mos hoxe, sentiu que estaba como na casa.
Pola súa banda, David Perdomo definiu Rondallas como unha película “moi familiar, con moita proximidade e cercanía”, que conecta directamente co público desde a emoción e o humor.
No ámbito musical, Dani Burgos destacou a importancia de ter a oportunidade de levar á pantalla unha rondalla que puidese representar a todas. O músico e integrante de Vacaloura Vermella, autor do tema Tempo de Rondallas, subliñou o valor simbólico e cultural que supuxo este traballo para a película.
Durante o coloquio tamén se revelou que Judith Fernández e Fer Fraga aprenderon a tocar a gaita para a película, un esforzo que exemplifica o compromiso do elenco coa tradición e coa autenticidade do proxecto.
O coloquio serviu para poñer en valor as rondallas como unha expresión viva da cultura galega e como símbolo de identidade colectiva, en plena sintonía co espírito do Rondallas Fest e co compromiso do Concello de Mos coa promoción da cultura, da música tradicional e da creación audiovisual vinculada ao territorio.
Ao remate do coloquio Vacaloura Vermella interpretou o tema Tempo de Rondallas.
Pola tarde a actividade no Rondallas Fest continúa co primeiro día do certame de rondallas coa actuación de oito agrupacións.



