A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena acolleu esta tarde o encontro literario organizado polo Concello de Mos para conmemorar o Día das Escritoras, unha cita que encheu o espazo de emoción, palabra e inspiración compartida.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada pola concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, destacou na súa intervención que este acto “é unha fermosa oportunidade para recoñecer e celebrar o talento das nosas escritoras, que enriquecen a nosa cultura e inspiran ás novas xeracións”.
O encontro reuniu a seis creadoras mosenses de diferentes xéneros e xeracións, que compartiron fragmentos das súas obras e reflexións sobre o proceso creativo e o papel da muller na literatura contemporánea.
Participaron:
Raquel Rodríguez Muñiz, criminóloga, especialista en igualdade de xénero e sexualidade positiva, e autora da triloxía Así nos ven, Así me vexo e Así nos vemos, sobre educación emocional e sexual con especial foco na adolescencia.
Angie Roa, natural de Cela, gañadora do VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético coa obra Noa e a cidade sen maxia, publicada por Xerais.
Noelia Rodríguez, avogada especializada en Dereito Concursal e Procesal e escritora de narrativa romántica e fantástica, autora de títulos como Involución, Las rubias también lloran ou Integración París 2314.
Sonia Blanco Sío, médica e autora do álbum ilustrado A Pedra Vermella, centrado no descubrimento das emocións desde a infancia.
Beatriz Cabaleiro, xornalista e autora de Clover, unha porquiña diferente, finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2022.
Rosa Montenegro Bernárdez, pedagoga e autora de El yo y sus metáforas, un libro sobre autocoñecemento, empatía e benestar persoal.
Durante a velada, cada autora achegou a súa visión sobre a escrita como ferramenta de transformación social e como espazo de liberdade. O público, que encheu a biblioteca ata completar o aforo, gozou dunha tarde de diálogo, emoción e inspiración.
A alcaldesa de Mos concluíu agradecendo “o compromiso e a creatividade destas mulleres, que levan o nome de Mos por todo o mundo e fan da literatura unha ponte entre xeracións e entre emocións”. O Concello de Mos reafirma así o seu compromiso coa promoción da cultura, a igualdade e o apoio ás creadoras locais.