HomeVigoMosMos concede a licenza para a humanización da estrada Pereiras–Tameiga, unha das...

Mos concede a licenza para a humanización da estrada Pereiras–Tameiga, unha das actuacións máis relevantes do municipio

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou hoxe a concesión da licenza de obras para o proxecto de humanización da estrada Pereiras–Tameiga, un paso clave que permite avanzar cara á licitación e execución dunha das intervencións máis ambiciosas e estratéxicas do municipio, cun investimento global de 1,5 millóns de euros.

A actuación abrangue un tramo de 1.414 metros, dende o Camiño da Laxiña ata o núcleo de Candosa, atravesando tamén as parroquias de Tameiga e Sanguiñeda. O proxecto ten como finalidade mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil, convertendo unha estrada estreita e insegura nun itinerario accesible, funcional e sustentable, deseñado baixo criterios de humanización e accesibilidade universal.

O financiamento desta actuación está garantido grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra, polo cal o organismo provincial achega 1,2 millóns de euros.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que se trata “dun proxecto estratéxico que conecta as parroquias de Petelos, Tameiga, Sanguiñeda e Pereiras, mellorando a calidade de vida da veciñanza e avanzando en seguridade, mobilidade e integración parroquial”. Nidia Arévalo tamén subliña “a importancia da cooperación institucional para facer realidade actuacións que transforman Mos”.

Entre as principais melloras previstas destacan:

A ampliación da calzada e a creación dunha senda peonil accesible de máis de 2 metros de ancho.

A reurbanización do núcleo de Pedraúcha, que contará cunha nova zona de convivencia peonil e calmado de tráfico.

A rehabilitación integral do firme e a implantación de redutores de velocidade e pasos de peóns elevados.

A renovación da rede de drenaxe, a instalación dun novo sistema de alumeado público LED e o soterramento das redes eléctricas e de telecomunicacións.

A incorporación de mobiliario urbano, varandas de protección, sinalización horizontal e vertical, e muros de contención para ampliar o viario e estabilizar parcelas.

O proxecto conta xa coa cesión voluntaria de 102 das 105 parcelas afectadas, un feito que Arévalo cualificou como “un exemplo de implicación cidadá e de confianza no futuro de Mos”.

“A humanización Pereiras–Tameiga é unha obra fundamental que completa o corredor humanizado dende San Eleuterio ata Pereiras..

O prazo de execución previsto é de 12 meses dende o inicio das obras, e o proxecto inclúe tamén medidas de eficiencia enerxética enfocadas á iluminación LED pública, accesibilidade universal e mellora ambiental.

Con esta licenza, Mos dá un novo paso adiante no seu modelo de crecemento sostible e equilibrado, baseado na mellora das infraestruturas, a seguridade viaria e a cohesión territorial.

Publicacións Relacionadas