O Concello de Mos conmemora hoxe o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller coa posta en marcha da campaña “MOS DÁ A CARA”, unha acción colectiva que reúne ao comercio e á hostalaría do municipio para visibilizar o seu compromiso fronte á violencia de xénero.
O cartel da campaña, elaborado coas fotografías de profesionais de múltiples establecementos mosenses, simboliza a forza dun municipio que avanza unido na defensa da igualdade e do respecto. Todos eles reforzan unha mensaxe clara: Mos non cala, Mos implícase e Mos actúa.
Durante toda esta semana, os comercios e bares participantes están a exhibir o cartel oficial nos seus escaparates e mostradores, e difundindo a iniciativa nas redes sociais mediante o hashtag #MosDaACara.
A campaña conta coa colaboración da Asociación de Comercio e Servicios de Mos (ACeSMos) e a Asociación de Hostalaría e Turismo BaresMos, consolidando unha rede de apoio comunitario que se suma ao labor institucional do Concello de Mos na loita contra a violencia de xénero. “O comercio e a hostalaría de Mos dan a cara. Porque a igualdade constrúese entre todas e todos”, indican.
A través dun código QR incluído no propio cartel, a veciñanza pode acceder ás imaxes e contidos da iniciativa, ampliando así o seu alcance e participación social.
Un paso máis na concienciación
Con “MOS DÁ A CARA”, o Concello salienta a importancia do compromiso diario e visible contra a violencia machista, a colaboración fundamental do tecido comercial e hostaleiro como axentes sociais de proximidade e a creación dunha mensaxe colectiva forte, transversal e presente en toda a vida municipal.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, agradece “a valentía e implicación de todo o sector comercial e hostaleiro, que se suma a unha causa que é de todos: construír un Mos máis igualitario, máis seguro e máis xusto para as mulleres”.



