Instagram e Tik Tok son as plataformas empregadas pola especialidade de marketing do Obradoiro de Emprego do Concello de Mos para impulsar a iniciativa Queda en Mos que xa leva preto de 100 mil visualizacións e máis de 12 mil contas únicas alcanzadas en tan só un mes
Os alumnos-traballadores da especialidade de marketing e comunicación do Obradoiro de Emprego do Concello de Mos ‘Queda en Mos II’ que conta con subvención autonómica, atópanse inmersos nunha novidosa campaña en redes para apoiar ao comercio local. Os obxectivos da mesma son vender a marca local de Mos e promocionar o comercio local de cara ao vindeiro encontro de comerciantes, que se celebrará próximamente, tamén baixo o nome de Queda en Mos; e que este ano cumpre a súa segunda edición.
A campaña inclúe a realización de vídeos curtos, que a continuación se difunden nas redes sociais, Instagram e Tik Tok, nos que os propietarios dos comercios locais presentan os seus negocios explicando brevemente a que se adican, que ofertan e onde están situados. Esta dinámica permite que os clientes coñezan mellor os seus produtos, e os servicios dispoñibles no seu entorno, axudando a crear un maior vínculo entre os comerciantes e os veciños.
A publicación do material audiovisual nas redes sociais permite maximizar o alcance da campaña, logrando así unha maior visibilidade para os negocios locais. Desta maneira, búscase promover un maior impacto na localidade e atraer novos clientes.
Esta campaña de apoio ó comercio local de Mos constitúe un programa innovador co obxectivo de dar maior visibilidade aos pequenos comercios e establecementos da zona. Tal e como explican as representantes municipais, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Julia Loureiro, concelleira de Emprego, Educación, Mocidade e Participación Cidadá.
Cos seus respectivos vídeos de presentación, os comerciantes teñen a oportunidade de amosar os seus produtos e servizos dun xeito dinámico e atractivo, o que facilita aos consumidores coñecer mellor o que teñen ao seu redor. As pezas audiovisuais estánse a publicar a razón dun vídeo por día, sempre en horario de tarde, e están a lograr moi bos resultados de repercusión nas redes sociais, tanto no que se refire a visualizacións como interaccións. Cúmprese un mes da campaña e desde a publicación do primeiro vídeo xa levan preto de 100 mil visualizacións e máis de 12 mil contas únicas alcanzadas.
“En definitiva, queremos que a xente descubra ou redescubra os comercios locais, onde atoparán produtos de calidade e un trato máis próximo e personalizado”, declararon a rexedora local Arévalo e a edil Loureiro. Quenes tamén apuntaron que “este proxecto está deseñado para reforzar o tecido económico da localidade, axudando a pequenos negocios a adaptarse aos tempos actuais e a destacar nun mercado cada vez máis competitivo”.
“A campaña tamén busca concienciar sobre a importancia de consumir localmente, xa que mercar no comercio de proximidade contribúe ao mantemento de postos de traballo e ao fortalecemento das economías familiares. Ademais, axuda a preservar a identidade e a cultura local, xa que moitos destes negocios forman parte da historia e tradición deste noso Concello”, concluíron.
Ademais da producción e difusión dos seus vídeos tamén se lle ofrece ao comercio local, dentro desta campaña, apoio en competencias de marketing, para que os comerciantes se poidan poñer ao día neste senso, e así dar maior visibilidade aos produtos e servizos que ofertan.

