Mos endurece a presión ao Estado polo deterioro da N-550 e crea unha comisión de seguimento

Redacción
Lectura mínima de 3

O pleno do Concello de Mos aprobou por unanimidade a creación dunha comisión de seguimento para reclamar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible actuacións nas estradas estatais ao seu paso polo municipio, especialmente na N-550.

A decisión prodúcese tras a detección de numerosas deficiencias nas infraestruturas viarias de titularidade estatal, que afectan directamente á seguridade viaria e peonil, así como á funcionalidade dos espazos urbanos.

O Concello de Mos remitiu ao Ministerio reiteradas comunicacións baseadas nun informe técnico elaborado polos servizos municipais e acompañado de documentación fotográfica, nas que se detallaban as deficiencias existentes e se solicitaba a execución urxente de actuacións de reparación, mantemento e mellora.

Entre as medidas reclamadas inclúense a rehabilitación do firme, a construción de rotondas en puntos de alta perigosidade, a mellora da seguridade peonil con pasos elevados e iluminación, a creación de beirarrúas en treitos con tránsito, así como a limpeza e mantemento de túneles, viais de servizo e elementos de protección como biondas e gardarraís. Tamén se demanda a adaptación da N-550 á súa realidade urbana na parroquia de Mos e en Sanguiñeda e a instalación de proteccións acústicas.

A pesar do tempo transcorrido e da urxencia das actuacións solicitadas, o Concello sinala que non consta resposta formal por parte do Ministerio nin a execución das medidas demandadas, mantendo unha situación de risco para a cidadanía e un progresivo deterioro das infraestruturas.

A comisión de seguimento estará integrada polas asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, así como polos tres grupos políticos da corporación municipal —PP, PSdeG-PSOE e BNG—, co obxectivo de realizar o control, supervisión e avaliación do cumprimento das solicitudes trasladadas ao Ministerio.

Os integrantes da comisión manterán unha nova reunión tras a Semana Santa para acordar as medidas concretas a desenvolver e continuar coas accións de presión institucional.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “non estamos ante unha cuestión política, senón de seguridade. Falamos de problemas reais que afectan ao día a día da veciñanza e que requiren unha resposta inmediata por parte do Ministerio”.

Comparte este artigo