Mos impulsa hábitos saudables coa participación de ACLAD Alborada na piscina municipal

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos informa de que, dende o pasado 11 de marzo, a asociación ACLAD Alborada está a facer uso das instalacións da piscina municipal do Complexo Deportivo Óscar Pereiro no marco do seu Programa Verdear.

Este programa, impulsado por ACLAD Alborada (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), conta actualmente coa participación de 15 persoas con idades comprendidas entre os 25 e os 64 anos, das cales 8 están a asistir ás sesións de piscina.

O principal obxectivo desta iniciativa é fomentar a creación de rutinas saudables que acompañen os procesos de tratamento de persoas con condutas adictivas, contribuíndo así á súa recuperación integral e á mellora da súa calidade de vida.

ACLAD Alborada atende na actualidade a máis de 1.500 persoas procedentes de distintos concellos da zona sur da provincia de Pontevedra, desenvolvendo programas de intervención social e terapéutica orientados á prevención e tratamento das adiccións.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a relevancia deste tipo de colaboracións: “A cooperación entre o Concello e entidades como ACLAD Alborada é fundamental para ofrecer oportunidades reais de mellora ás persoas que están en proceso de recuperación. Facilitar o acceso a instalacións municipais como a piscina contribúe a crear hábitos de vida saudables e reforza o acompañamento terapéutico”.

Dende o Concello de Mos quérese poñer en valor a colaboración con entidades sociais como ACLAD Alborada, que desenvolven un labor fundamental no ámbito sociosanitario, así como destacar a importancia de facilitar o acceso a recursos municipais que contribúan ao benestar da veciñanza.

Comparte este artigo