Mos impulsa o Plan ‘Ghatiñ@s’

adminON
Lectura mínima de 3
  • Trátase dun Plan Municipal de Control e Xestión de Colonias Felinas
  • Inclúe servizos veterinarios e adhesión ao CAAN da Deputación.
  • O Concello destinará ao programa fondos propios municipais e contará tamén con colaboración privincial.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, informaron hoxe de que dende o Concello de Mos comézanse a dar os primeiros pasos do Plan Municipal de Control e Xestión de Colonias Felinas, bautizado como Plan ‘Ghatiñ@s’.

Para o desenvolvemento do devandito programa destínanse fondos propios municipais, así como a adhesión ao CAAN da Deputación de Pontevedra (Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira) mediante o que se establece un protocolo de actuación con colaboración provincial para a esterilización de gatos comunitarios; sempre segundo o establecido na Lei de protección dos dereitos e do benestar dos animais.

A posta en marcha deste Plan surxe da demanda veciñal e da detección da proliferación de colonias felinas de gatos rueiros sobre todo en 5 das 10 parroquias mosenses (Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Louredo e Mos). Así, iniciado o procedemento de localización e contabilización das mesmas, ata o momento xa se detectaron alomenos 7 colonias, que suman un total de 106 gatos.

Para proceder ao control e xestión destas 7 colonias que superan os 100 exemplares felinos, desde o Concello de Mos procederase á adxudicación dun servizo veterinario para adquisición de pienso para alimentación, cirurxías urxentes de gatos/as abandoados, así como adquisión de transportíns para traslado dos gatos. Servizo veterinario que se complementará coa castración de gatos abandoados a través do CAAN da Deputación.

A posta en marcha deste Plan Municipal de Control e Xestión de Colonias Felinas vai dirixida ás comunidades de gatos que viven na rúa co fin da súa protección e control poboacional. Os gatos integrantes destas colonias deberán ser capturados para a súa marcaxe esterilización e control sanitario.

Xa foron detectadas ata o momento alomenos 7 colonias felinas: 3 en Sanguiñeda, 1 en Petelos, 1 en Tameiga, 1 en Louredo e 1 en Mos. Por iso é preciso que o Concello conte cun programa de xestión de colonias que estandarice os traballos e metodoloxías empregados, con obxecto de controlar a poboación das colonias urbanas felinas e manter a súa saúde, optimizando os recursos e os medios necesarios.

Así, a edil de Medio Ambiente, Laura Méndez, declara que “é apremiante a necesidade por parte do Concello de controlar a poboación das colonias de gatos que viven na rúa, cos conseguintes problemas medioambientais e de salubridade que ocasionan como cheiros, suxedade, e presencia de plagas (pulgas) por todo o municipio”. Méndez explicou que “así mesmo este plan será reforzado con campañas de concienciación e prevención dirixidas á poboación”.

Comparte este artigo