O Concello de Mos, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa avanzando na súa aposta pola formación cidadá en sustentabilidade e economía circular cun novo obradoiro titulado “Un Nadal máis verde”, que se celebrará o 1 de decembro ás 19:00 horas na Antiga Casa Reitoral de Petelos.
Esta actividade enmárcase dentro do programa formativo municipal vinculado á economía circular, co obxectivo de ofrecer á veciñanza ferramentas sinxelas para un consumo máis responsable durante a época do Nadal.
O obradoiro proporcionará consellos para reducir o exceso de consumo nestas datas e achegará técnicas creativas para elaborar agasallos e elementos decorativos reutilizando materiais, favorecendo así a redución de residuos e a reutilización.
A inscrición xa está aberta a través do teléfono 986 097 037 ou do correo electrónico medioambiente@concellomos.es. O prezo do obradoiro é de 10 euros.
Con iniciativas coma esta, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa sensibilización ambiental e coa promoción dun modelo máis sostible, responsable e acorde cos principios da economía circular.



