HomeVigoMosMos pon en marcha o seu primeiro proceso de Orzamentos Participativos Mos-Decide

Mos pon en marcha o seu primeiro proceso de Orzamentos Participativos Mos-Decide

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos vén de lanzar o proxecto piloto Mos-Decide, o primeiro proceso de orzamentos participativos da historia do municipio, que permitirá á veciñanza decidir, directamente, a que se destina unha parte dos recursos municipais.

A composición do consello destes orzamentos participativos estará formado polos presidentes ou representantes das asociacións veciñais das parroquias de Mos e representantes dos tres grupos políticos municipais (Partido Popular, PSdeG-PSOE e BNG). Ademais, a partir do día 21, un comité formado por técnicos de diferentes departamentos municipais analizará e validará as propostas recibidas.

Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión máis aberto, transparente e centrado nas achegas da cidadanía, reservando unha partida de 200.000 euros para a execución dos proxectos seleccionados pola veciñanza, o que supón o 1,5% do orzamento para 2026.

Pode participar toda persoa maior de 16 anos empadroada en Mos, presentando a súa proposta e participando na votación popular.

As propostas deberán enmarcarse en áreas como obras e equipamento, medio ambiente, deportes, educación, parques e xardíns, política social e benestar, cultura e xuventude.

Non serán admitidas aquelas relacionadas con contratación de persoal, alugueiro de inmobles, subvencións, ingresos públicos ou mantemento. Ademais, deberán ser de interese xeral e de competencia municipal.

Fases do proceso:

1. Presentación de propostas: do 6 ao 20 de outubro.

2. Análise e validación técnica: do 21 de outubro ao 3 de novembro.

3. Publicación e votación cidadá das propostas finais: do 4 ao 14 de novembro.

4. Presentación dos proxectos gañadores: novembro 2025.

5. Incorporación aos Orzamentos de 2026.

As propostas poderán presentarse a través da web municipal (www.mos.es) ou de forma presencial na Casa do Concello, na Piscina Municipal Óscar Pereiro, no CDL e na Biblioteca Municipal.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “Mos Decide é unha ferramenta de democracia participativa que queremos consolidar para dar voz directa á nosa veciñanza. A xestión municipal faise máis rica cando se constrúe entre todos e todas”.

Publicacións Relacionadas