O Concello de Mos acolleu esta tarde en Torroso a presentación da Peña Paula Lorenzo, un acto de recoñecemento á traxectoria deportiva e humana dunha futbolista que representa o talento, o esforzo e o compromiso co deporte feminino mosense.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou durante a súa intervención que Paula Lorenzo é “un orgullo para Mos, non só polo seu rendemento deportivo, senón pola súa implicación constante co concello e polo exemplo que supón para as nenas e mozas que soñan con chegar lonxe a través do deporte”.
O acto contou coa presenza da xogadora, a súa familia, compañeiras tanto de As Celtas como da UD Mos, así como dos peñistas e algún representante do club celeste. O condutor da presentación foi o xornalista Xaime Escudeiro.
Paula Lorenzo, nacida o 24 de marzo de 2003, conta cunha sólida traxectoria no fútbol galego. Militou durante varias tempadas no Sárdoma CF, onde asinou os seus mellores rexistros na tempada 2019-2020, con 7 goles en 17 partidos na Primeira Galega. Na tempada 2023-2024 incorporouse á UD Mos, disputando 23 partidos de liga e anotando 3 goles, rendemento que lle permitiu dar o salto a As Celtas.
Na súa primeira tempada no club celeste, Paula Lorenzo participou en 25 partidos de liga, 13 deles como titular, e marcou 4 goles, consolidándose como unha futbolista clave no centro do campo, tanto como pivote como mediapunta, grazas á súa calidade técnica, chegada e capacidade goleadora. Recentemente, o Celta confirmou a súa renovación ata o 30 de xuño de 2026, un claro recoñecemento á súa progresión.
A Peña Paula Lorenzo está presidida por Begoña Fernández, quen asumiu o cargo tras a proposta de Juan Manuel Romero, histórico adestrador e actual presidente da Peña Moncho Carnero. A peña conta xa con máis de 20 socios e socias, con previsión de seguir medrando nos vindeiros meses.
Desde o Concello de Mos puxéronse en valor iniciativas coma esta, que contribúen a visibilizar o deporte feminino e a crear referentes próximos para a mocidade, demostrando que desde Mos tamén se pode chegar á elite do fútbol galego.



