A medida está promovida e deseñada conxuntamente entre o departamento de Medio Ambiente e a Policía Local
Desde a concellería de Medio Ambiente que dirixe a edil Laura Méndez continúase a implementar a nova campaña municipal CoidaMos, por un Mos máis limpo. Así, pon en marcha agora unha nova medida disuasoria de prevención dos verquidos incontrolados, promovida e deseñada en colaboración e da man da Policía Local de Mos, consistente na instalación de cámaras de seguridade nos cinco puntos máis conflictivos e problemáticos neste senso, identificados conxuntamente entre o departamento medioambiental e o corpo policial mosenses.
Para elo a Policía Local xa elaborou o pertinente informe, que forma parte do proxecto completo xa redactado, a presentar ante a Delegación do Goberno en Pontevedra, que debe autorizar a devandita instalación. As cinco ubicacións propostas no proxecto son San Antoíño na parroquia de Louredo, San Rafael en Pereiras, as inmediacións da Igrexa de Sanguiñeda no barrio do Piñeiro, a zona de Cerqueirás en Sanguiñeda (xunto ao campo do Alerta C.F.) e unha quinta zona, incluída a petición de AEMOS, que é o Polígono do Rebullón. Precisamente reuníronse no devandito polígono esta mañá a concelleira Laura Méndez, o Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez, e o Xerente da Asociación de Empresarios de Mos, Francisco Domínguez, para analizar e estudar in situ a situación e necesidades da vídeo vixiancia.
Méndez e Domínguez aproveitaron tamén para tratar a proposta de AEMOS do reforzo de unidades de contedores de recollida de lixo en varias zonas empresariais do municipio, coincidindo coa renovación dos mesmos que se está a facer desde o Concello coa posta en marcha da nova campaña da concellería de Medio Ambiente, CoidaMos, que inclúe a nova imaxe corporativa do Servizo Municipal de recollida de lixo, rotulada e implantada tanto nos novos contedores como nos camións de recollida, que foron rotulados co novo deseño.
Detalles sobre CoidaMos
Esta campaña informativa céntrase na difusión da información dos servizos ao dispor dos veciños no que se refire a recollida de lixo. Ten co obxectivo concienciar e informar sobre a recollida selectiva e incentivar a utilización do Punto Limpo por parte da poboación para tratar de reducir a proliferación de vertquidos incontrolados.
A campaña inclúe o envío a todos os domicilios mosenses dun folleto informativo coas característica e os distintos tipos de servizos. Información sobre o tipo de contedores e a súa utilidade, coa novidade da próxima implantación do contedor marrón de residuos orgánicos ‘Fracción orgánica’. Tamén se informa da recollida a domicilio de entullos e facilítase o número de teléfono para a súa xestión.
A novidade desta campaña consiste en incentivar a utilización do punto limpo por parte da poboación para tratar de reducir a proliferación de verteduras incontroladas, para iso incluíuse nos folletos unha cartilla para conseguir premios. A cartilla débese completar con selos cada vez que se acuda ao Punto Limpo a depositar un desfeito para a consecución dun incentivo (baños libres na piscina municipal e botellas de aluminio das novas mascotas da campaña, @s Mosiñ@s, para a poboación infantil, e bonos de piscina e sauna gratis para a poboación adulta.
No mes de febreiro a campaña centrarase nos centros escolares de Mos, onde serán impartidas por persoal especializado da empresa FCC charlas informativas, durante as que tamén se repartirán os folletos dirixidos á poboación infantil, sempre da man d@s Mosiñ@s mascotas do programa CoidaMos.
Toda a información sobre esta campaña educativa e de sensibilización medioambiental poderase consultar a través do código QR que aparece nos novos contedores rotulados coa nova imaxe de CoidaMos.
As recollidas especiais de aparatos eléctricos e electrónicos como electrodomésticos, televisores, aparatos eléctricos, etc. realízasr todos os martes e sábados e, tras avisar por teléfono, os solicitantes poden depositar os residuos o día anterior para á súa recollida no colector máis próximo ó seu domicilio. O horario de chamadas é de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h.
A recollida de voluminosos como mobles, colchóns, sillas, somieres, etc. ten un horario de chamadas de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h e un horario de recollida: os martes e sábados, tras avisar por teléfono. Os solicitantes poden depositar os residuos o día anterior a súa recollida no colector máis próximo ó seu domicilio.
A recollida de podas deberá ir en bolsas de un máximo de 2m. Requírese tamén chamada previa en horario de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h. O horario de recollida será o último xoves de cada mes. Para todas as recollidas é obrigatorio chamar ao 672 72 98 60.
Así mesmo o Punto Limpo é un servizo municipal de balde para todos os veciños e veciñas de Mos no que se poden desfeitar mobles, enseres, electrodomésticos, cables e aparellos informáticos, madeiras, restos de poda, plásticos, metais, aceite vexetal, etc. Atópase situado no Parque Empresarial Mos-A Veigadaña, Parcela CES-2 e aberto todos os martes e xoves de 10.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h, e os sábados: de 10.00 a 14.00 h.
Acudir ao Punto Limpo ten premio en Mos agora coa posta en marcha da nova campaña medioambiental CoidaMos.
Para o público infantil o premio é un bidón de aluminio reciclado de 400 ml coas mascotas d@s Mosiñ@s e o xeito de participar é recorta a cartilla, levar os residuos ao Punto Limpo, levar a cartilla e cada vez que leven residuos pedir un selo e cando completen a cartilla con todos os selos entrgala no Concello de Mos e trocala polo premio que tamén pode ser a opción de baños libres na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro.
No caso do premio para os adultos o procedemento é o mesmo e a cartilla, unha vez completada, poderá ser trocada por dous bonos para dúas persoas para acceder á piscina municipal incluíndo a sauna. Para obter máis información sobre esta campaña as persoas interesadas poden chamar ao 986 09 70 37.
É necesaria a responsabilidade cidadá e veciñal para manter un Mos limpo, e as condutas inapropiadas, poden ser sancionables aínda que non sexa a vontade inicial da administración local a imposición de multas. O abandono, incluído o do lixo disperso, o vertido e a xestión incontrolada de calqueira tipo de residuos non perigosos sen que se puxera en perigo grave a saúde das persoas ou producira un dano ou deterioro grave para o medio ambiente pode comportar multas que poden oscilar entre os 2.001 e os 100.000 euros.