O Concello de Mos e a Asociación de Hostalaría e Turismo BaresMos celebraron hoxe no salón do Concello o sorteo dos premios da ruta de tapas “A Volta nos Bares”, que ao longo de setembro encheu de sabor, creatividade e espírito colectivo os bares e restaurantes do municipio.
En total repartíronse 8.000 tapas entre a veciñanza e visitantes, consolidando a proposta como un éxito de participación e apoio á hostalaría local.
O público tamén puido votar polos petiscos que máis lle gustaron e, segundo as valoracións recollidas, a tapa máis valorada foi a do Café Bar Faquiña, coa súa tapa “Pericoporto”, e será o establecemento que acollerá a entrega oficial dos premios o vindeiro xoves 16 de outubro. O local que acadou o segundo lugar foi o Café Bar Encontros, coa súa “A rodada ibérica”, e o terceiro posto foi para Asador Edan, con “Volta volta costilla”.
O acto de sorteo contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do presidente e vicepresidene de BaresMos, Manuel Seijo e Eloy Alonso, e dos concelleiros Julia Loureiro, Sara Cebreiro, Camilo Grandal e Evaristo Ucha. Os gañadores serán notificados nos vindeiros días para comunicarlles o seu premio e para invitalos ao acto de entrega dos mesmos.
Entre os agasallos sorteados figuraban:
Seis maillots de “A Volta” deseñados exclusivamente para a etapa de Mos de La Vuelta 2025.
Un bono de restauración por valor de 200 euros, dous de 100 euros e dous de 50 euros.
Un bono de 300 euros para Tramo Libre.
Bonos deportivos en diferentes establecementos do municipio: CKM Combat Academy, Molix Box ou CD Guizán.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou que “A Volta nos Bares é unha proposta que chegou para quedar, porque une deporte, gastronomía, dinamización social e apoio á nosa hostalaría”.
Con esta iniciativa, Mos volveu poñer en valor o talento e a calidade dos seus locais de restauración, convertendo setembro nun mes de celebración colectiva arredor do deporte e da boa mesa.