Mos xa ten valedores e valedoras para a Festa da Rosa deste ano

Redacción
Lectura mínima de 4

Dani Burgos, Patricia Martínez, Celta Integra, Radio Vigo e María José Gómez serán recoñecidos neste 2026

Alba Salgueiriño e Óscar Molinos son os valedoriños

O pleno do Concello de Mos aprobou este luns o nomeamento dos Valedores e Valedoras da Festa da Rosa 2026, unha proposta que recoñece perfís vinculados a distintos ámbitos da vida local, desde a cultura e o deporte ata o rural, a comunicación ou a inclusión.

Entre os valedores figuran Daniel Burgos Paz, cunha traxectoria está estreitamente ligada á tradición das rondallas de Mos. Foi director da Rondalla Santa Eulalia durante máis dunha década e contribuíu á súa proxección máis alá do ámbito local, tanto a través de actuacións en escenarios de gran visibilidade como pola súa participación na película Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que foi nomeado valedor da Festa da Rosa do pasado ano. O seu nomeamento recoñece a súa capacidade para manter viva esta tradición e adaptala a novos públicos.

Tamén destaca a deportista mosense Patricia Martínez, unha das referencias do baile deportivo a nivel nacional e internacional, cun amplo palmarés que inclúe títulos estatais e internacionais, entre os que se atopan un campionato do mundo. O recoñecemento pon en valor unha traxectoria de excelencia que leva o nome de Mos máis alá do ámbito local.

Xunto a eles, tamén será recoñecida a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, pola súa vinculación co territorio e o seu papel na defensa do sector primario, especialmente nun ano no que a festa da un novo impulso ao incluír na súa programación a exaltación do viño rosado de Galicia.

No ámbito da comunicación, a distinción é para Radio Vigo, como unha referencia histórica en Galicia e altofalante da realidade social e cultural da comarca ao longo de décadas, contribuíndo á difusión das tradicións locais.

Así mesmo, o proxecto Celta Integra, impulsado pola Fundación do Real Club Celta e con presenza de xogadores de Mos, como Álex Lago, Xoán ou Gorrita, será recoñecido polo seu labor na inclusión a través do deporte, representando un modelo de participación e integración social.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinala que “os valedores deste ano representan perfectamente o que é Mos: un concello con raíces fondas, pero tamén con capacidade de avanzar e proxectarse cara ao exterior”.

O pleno tamén aprobou o nomeamento dos Valedoriños deste ano, unha distinción dirixida á mocidade. Nesta edición, o recoñecemento recae en Alba Salgueiriño Bacelo e Óscar Molinos Rodríguez, estudantes de 2º de bacharelato no IES de Mos, que destacan pola súa traxectoria académica, a súa implicación na vida do centro e pola súa capacidade de manter o compromiso cos estudos pese a afrontar situacións persoais de saúde complexas. O seu nomeamento recoñece valores como a constancia, o esforzo e a capacidade de superación.

A Festa da Rosa, que se celebra o 13 de xuño, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Este ano, ademais, a Festa da Rosa da un novo pulo ao incorporar ao seu concurso de ramos e á súa xa tradicional exaltación da Empanada de Millo a do Viño Rosado de Galicia.

Comparte este artigo