O Auditorio Municipal acollerá o mércores 11 de marzo unha charla sobre a toponimia local coa participación de especialistas da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia
O Concello de Pazos de Borbén organizará mañá mércores 11 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio Municipal, unha charla divulgativa titulada “Moscoso ou Moscoxo? Toponimia de Pazos de Borbén – ou como lle chamamos ao mundo”, un encontro aberto á veciñanza que busca achegar o valor histórico, cultural e lingüístico dos nomes dos lugares do municipio.
O acto estará presentado polo alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, e contará coa participación de dous recoñecidos especialistas no ámbito da lingua e da onomástica. Por unha banda, Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e un dos maiores expertos na toponimia galega. Por outra, María Coutiño, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
A actividade pretende explicar a orixe e evolución dos nomes dos lugares de Pazos de Borbén, así como reflexionar sobre a importancia de conservar e coñecer a toponimia tradicional como parte fundamental do patrimonio cultural e lingüístico de Galicia.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta cita divulgativa, que permitirá afondar na historia, identidade e riqueza lingüística do territorio, poñendo en valor os nomes que forman parte da memoria colectiva das parroquias e lugares do municipio.



