O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, visitaron esta mañá aos participantes do Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios
Atraídos polo súa contorna natural, o seu patrimonio e cultura locais, a súa gastronomía e a súa localización estratéxica, unido todo elo á experiencia da convivencia e novas amizades, unha ducia de mozos procedentes de diferentes puntos de España escolleron O Porriño para pasar un par de semanas do verán. A súa estadía na capital da Louriña enmárcanse no Campo de Voluntariado Internacional organizado dende o Concello do Porriño ao abeiro da Campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Nesta edición o campamento céntrase nos sendeiros do Louro, así os voluntarios traballan, da man da Asociación Verdegaia, no coidado e limpeza deste río e os seus afluentes, con intervencións centradas principalmente na retirada de lixo e especies invasoras. A estadía deu comezo este pasado domingo e hoxe os participantes recibiron a visita do alcalde Alejandro Lorenzo e do concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.
“É unha honra para O Porriño celebrar un verán máis un campamento desta índole que acolle na nosa vila a mozos e mozas de fóra das nosas fronteiras, o que lle dá valor á nosa aposta por un modelo de lecer saudable, sostible e con impacto social. Seguiremos traballando para que a xuventude teña oportunidades de implicarse, aprender e desfrutar do noso municipio”, sinalaba o alcalde. Nesta ocasión, dous dos participantes son galegos, un de Redondela e outro de Ourense, e os demais veñen das comunidades autónomas de País Vasco, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid e Andalucía.
Ademais, este grupo de mozos está a coñecer de primeira man a biodiversidade do último afluente do Río Miño e de zonas de interese como as Gándaras de Budiño. “Este tipo de iniciativas demostran que a mocidade está comprometida co medio ambiente e aberta a vivir experiencias enriquecedoras. Dende o Concello queremos ofrecerlles espazos nos que poidan participar activamente na protección do noso patrimonio natural e, ao mesmo tempo, coñecer a nosa vila e facer comunidade”, explicou o concelleiro.
Todas estas intervencións realízanse en horario de mañá e ás tardes resérvanse para realizar actividades de lecer e tempo libre na contorna urbana da vila, así como excursións por toda a comarca. Estes doce mozos que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios alongarán a súa estancia no Porriño ata o vindeiro día 21 de agosto.
Logo de tres edicións do Campo de Voluntariado Ruta de Palacios, que seguía os pasos do afamado arquitecto pola súa terra natal, e da edición en 2024 do Campo de Voluntariado Gándaras de Budiño, o Concello do Porriño renova este ano a súa aposta polas alternativas de lecer saudable no verán para a mocidade co Campo de Voluntariado Sendeiros do Louro.