Este tomo, elaborado por Gaspar Bernárdez, Antonio Regueiro e Uxía Garcés, grazas á inversión do Concello, recolle os saberes das mulleres da nosa vila sobre o uso e a aplicación das plantas que se poden atopar na nosa vila.
Presentouse esta tarde no Museo Torres dentro da programación da Semana da Muller.
O Museo Manuel Torres acolleu esta tarde a presentación do libro “Coñecementos ancestrais sobre plantas no Concello de Marín”, impulsado polo Concello e levado a cabo por Gaspar Bernéndez, Antonio Regueiro e Uxía Garcés. Na presentación, á que acudiron a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, destacouse enormemente o papel que tiveron as mulleres da nosa vila na aportación de todo o seu saber respecto aos distintos tipos de plantas e aos seus usos e aplicacións.
“Foi moita a xente que colaborou de maneira desinteresada para que este traballo se puidera realizar, pero sen dúbida as persoas maiores, verdadeiras gardas destes tesouros do saber, son as que fixeron posible esta compilación de coñecementos”, explicaron os autores.
No libro, recóllese toda a diversidade biocultural que se pode atopar na nosa vila, recollendo como as plantas serviron de alimento, combustible, mediciña ou textil para o ser humano desde hai milenios. Tal e como se explicou na presentación, o libro pretende ser “unha ferramenta útil para aquelas persoas que queiran achegarse ao marabilloso mundo das plantas, facilitando a identificación de moitas delas que se poden atopar no Concello e achegando información sobre as súas propiedades e posibilidades de uso”



