HomePontevedraMulleres que tecen memoria: premio 8M para as gardiás do Entroido de...

Mulleres que tecen memoria: premio 8M para as gardiás do Entroido de Cobres

- Anuncio -spot_img

César Poza e Carmen Gallego entregan a distinción a 22 mulleres costureiras, veteranas, músicas e directivas que recibiron o caluroso aplauso do público

O acto de entrega do Premio 8M celebrado en Vilaboa converteuse nun momento profundamente emotivo e histórico: por primeira vez realizouse unha entrega colectiva, dirixida ao grupo de 22 mulleres que sosteñen o Entroido de Cobres desde ámbitos tan diversos como a costura, a música, a memoria viva e a organización interna da festa.

En nome de todas elas tomou a palabra Lidia Peleteiro, quen lembrou que as homenaxeadas “son só unha representación das que estiveron antes e das que virán despois”, recoñecendo así a cadea de mulleres que, ao longo das décadas, fixeron posible que esta tradición única siga viva.
As costureiras, as veteranas, as músicas e as integrantes da xunta directiva recibiron o recoñecemento das mans do alcalde de Vilaboa, César Poza, e da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, así como o cálido aplauso dun público que encheu a Casa da Cultura de Riomaior. Ambas autoridades destacaron que este premio é un xesto de gratitude polo traballo feminino que mantén aceso o legado do Entroido: “Cobres é o berce dun Entroido que define a identidade de Vilaboa. E son de novo as mulleres as que foron capaces de manter este legado vivo, un patrimonio de valor incalculable que temos a responsabilidade de protexer”.

A estatuílla do Premio 8M: unha obra de Irene Silva Xiráldez
O galardón entregado ás homenaxeadas é unha peza pertencente á colección “Muller das Salinas”, creada pola artista Irene Silva Xiráldez, autora que xa colaborara co Concello de Vilaboa en edicións anteriores do Premio 8M. A súa obra destaca pola representación simbólica da forza, identidade e resiliencia das mulleres.
O acto comezou coa actuación das pandereteiras Tudoten de Soutomaior e incluíu a visualización dunha vídeorreportaxe producido por Nuria Morgade que recolle as testemuñas e emocións das homenaxeadas.
As costureiras: transformar tradición en arte
Mari Carmen Docampo Solla, Carmen Cortegoso González, Aurita Palmeiro e María del Carmen Poceiro Buceta representan o oficio silencioso que converte materiais humildes en auténticas xoias artesanais. Cada traxe, cada sombreiro e cada detalle leva a súa paciencia, o seu coidado e a súa memoria. Grazas a elas, o Entroido non só se celebra: respírase e emociona.
As veteranas: a memoria que sostén a alma da festa
As Veteranas do Entroido de Cobres naceron hai catorce anos para recuperar unha ilusión que moitas non puideran vivir na mocidade. Hoxe son símbolo de resistencia cultural e orgullo colectivo, un grupo interxeracional que mantén vivas melodías, pasos e rituais que doutro xeito se perderían. Xunto a elas, tamén foron recoñecidas as mulleres do grupo de música e da asociación Aires de Cobres, gardiás do son e da transmisión oral.
A xunta directiva: o traballo que non se ve pero que o fai todo posible
Jessica Lameiro Cortegoso, Sara Barros González, Lidia Peleteiro Arosa e Tamara Pazos Mariño representan o labor constante e imprescindible da Asociación Cultural Cobres. Coordinan grupos, organizan saídas, recuperan documentación, buscan recursos e manteñen o equilibrio entre tradición e modernidade. O seu traballo garante que cada ano o Entroido saia á rúa con beleza, orde e emoción.

Publicacións Relacionadas