Multitudinaria cea de mulleres en Mos coa presenza da conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó

adminON
Lectura mínima de 4

A velada, na que participaron máis de 400 asistentes, formou parte da programación mosense conmemorativa do 8M, Día Internacional da Muller

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivó, participou o pasado sábado na Cea da Muller de Mos, conmemorativa do 8M, con máis de 400 asistentes.

A popular Cea da Muller, deu comezo ás 21:30h no Pavillón Óscar Pereiro. A velada feminina xa é un referente no Concello de Mos e incluso no sur da provincia. Trátase dun encontro multitudinario de mulleres con máis de 400 asistentes, ao que asistiron ademáis da alcaldesa e concelleiras mosenses, Nidia Arévalo, Feli Rodríguez, Julia Loureiro, Sara Cebreiro e Laura Méndez; a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó, Sandra Bastos, deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, demais deputadas provinciais, Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, outras mulleres corporativas municipais de Concellos veciños, etc. O acto contou coa animación e actuación en directo doutra muller, a Dj Chus Lestayo. E por suposto non faltou o baile.

O concelleiro de Igualdade do Concello de Mos, Leo Costas, achegouse a darlles a benvida. Na súa intervención a conselleira Elena Rivó destacou o traballo conxunto entre administracións locais, autonómica e provincial para acadar a Igualdade real e efectiva; así como puxo en valor o labor desenvolvido desde os Centros de Información á Muller de Galicia, CIMs, entre eles o de Mos. Así mesmo, asegurou que deste a Xunta de Galicia seguirase a traballar intensamente a prol do traballo feminino de calidade, xa que a independencia económica, indicou, é clave para o empoderamento feminino.

Pola súa banda Nidia Arévalo, rexedora local mosense, indicou na súa intervención que “hoxe quero lembrar ás mulleres da historia mosense, as nosas nais, avoas e bisavoas, leiteiras, costureiras, traballadoras do campo… exemplo inspirador, pioneiras que nos abriron camiño, un camiño que non foi fácil, elas loitaron antes para que hoxe en día exista a incorporación da muller ao mundo laboral, e a mellora dos dereitos laborais sexa hoxe unha realidade”.

A alcaldesa fixo tamén unha mención especial a Sita, fundadora da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña de Mos, “á que me une unha relación moi especial dende que comecei neste Concello no ano 99. Como concelleira de goberno creei a concellería da Muller e desde entón Sita e máis eu tivemos unha estreita e intensa relación. É moito o cariño e o respecto que lle profeso. E foi para min un dos grandes referentes femininos e exemplo a seguir”, dixo.

Rematou Arévalo destacando que “socialmente temos avanzado moito nos últimos 40 anos, cada vez    é maior é a presenza das mulleres nas empresas, en cargos de responsabilidade, en cargos políticos… avanzamos positivamente, pero queda moito camiño por andar… Existe aínda un gran desequilibrio, a pesar dos tempos que corren, do reparto das responsabilidades laboral e familiar (tarefas do fogar, coidado de fillos, coidado de maiores, etc).  Séguese producindo unha gran desigualdade entre homes e mulleres, por iso poño o obxectivo nun horizonte onde a igualdade sexa real e efectiva”, concluiu.

Comparte este artigo