Prosegue a programación dentro das festas de San Telmo mañá martes con canto coral, danza e teatro amador.
Mañá martes o programa comeza ás 16.30 h na Residencia Paz e Ben coa actuación da Coral San Telmo.
Ás 18 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela actuarán os alumnos e alumnas da Escola de Danza Paula Cobián. Presentarán distintas coreografías coas que amosarán o traballo que desenvolven a diario na Escola.
Xa ás 21 h no Teatro Municipal comeza a XV Semana de Teatro Amador. O grupo de teatro San Fins de Rebordáns será o encargado de abrir esta programación coa estrea de “Ultramarinos Norte”, da autoría de Laura Villaverde que dirixe tamén o grupo. Sobre o escenario estará un elenco formado por Amparo, Concepción, Carmela, Concepción, Concha, Tatiana, Florindo, José, Paquiño, Álvaro, Helen e Katia. A obra conta a división que xera na veciñanza dunha vila mariñeira a chegada dunha fábrica. Entre retranca, música e vida de bar, descubrirán que hai cousas que non se venden.
As entradas, ao prezo de 2€, están á venda en tui.gal e poderán mercarse mañá martes dende ás 20 h no despacho de billetes do Teatro Municipal.



